O Estatuto de 1981: menos relato e máis historia

EL PUEBLO GALLEGO

Xosé Luís Barreiro, primeiro pola dereita, xunto a outros dirixentes políticos, en 1980 durante as conversas para lograr o Estatuto de Autonomía
Xosé Luís Barreiro, primeiro pola dereita, xunto a outros dirixentes políticos, en 1980 durante as conversas para lograr o Estatuto de Autonomía

A autonomía de Galicia achégase máis a un poder outorgado que ao cumial dun proceso de reivindicación política e popular longa e persistente

24 abr 2021 . Actualizado a las 17:00 h.

A demanda de autonomía entra na axenda da Transición da man dos nacionalistas vascos e cataláns, que mantiveran no exilio as institucións autonómicas e conseguiran crear algunhas organizacións partidarias na clandestinidade. E o motivo polo que as reivindicacións dos nacionalistas foron acollidas con tanto interese e benevolencia no relatorio redactor da Constitución foi a necesidade de basear a transición democrática nun amplo consenso, ao que se sacrificaron, por todas partes, moitos presupostos.

Tamén cómpre lembrar que o modelo autonómico de 1978, lonxe de repoñer os criterios políticos e xurídicos que orientaron a Constitución de 1931, xerou o seu propio modelo de descentralización, que, en vez de aceptar que os diferentes territorios acceden á autonomía en virtude dunha lexitimade preconstitucional (baseada na historia, na cultura ou na reivindicación política permanente, que a Constitución viría simplemente a recoñecer), fundamenta os feitos autonómicos, exclusivamente, na propia Constitución, reduce a creación de entidades autonómicas ao estrito cumprimento das normas e procedementos legais, e, nas cuestións de fondo, a pesar de establecer algunhas diferenzas procesuais e de prazos, recoñece a todos os territorios de España o dereito pleno a autonomía, o que en termos coloquiais se coñeceu como «café para todos».

Os efectos deste xiro constitucional foron enormes, e, ao meu entender, positivos, aínda que, se ben nun primeiro momento serviron para satisfacer as demandas das comunidades históricas (cualificación moi imprecisa que hoxe está claramente devalada), foron despois utilizadas para atenuar a sobrevaloración inicial dos procesos vasco e catalán e para xerar un contexto de organización competitiva -con extraordinario éxito para comunidades como Andalucía, Valencia ou Madrid- que explica, en boa parte, por que Euskadi e Cataluña renegan agora do modelo de descentralización que antes fundaron e impulsaron ao seu gusto e medida.

Se botamos man dunha expresión teolóxica, moi coñecida dende o século XI, poderiamos dicir que, mentres a descentralización da Constitución de 1931 se baseaba no principio ex opere operantis, polo que se recoñecía o feito e o grao de autonomía de acordo cos méritos históricos, diferenciais e culturais de cada territorio, que por elo esixían certa caste política que non estaba ao alcance de todos, a Constitución de 1978 lexítima opta polo principio ex opere operato, no que o feito autonómico non esixe máis requisitos que o nidio cumprimento dos preceptos legais e constitucionais, e permite crear de novo non só as comunidades autónomas, senón un mapa pactado da descentralización.

Mariano Rajoy y Xosé Luís Barreiro, conversando en el Pazo de Fonseca en 1987
Mariano Rajoy y Xosé Luís Barreiro, conversando en el Pazo de Fonseca en 1987 TINO VIZ

Neste contexto, a autonomía de Galicia achégase máis a un poder outorgado que ao cumial dun proceso de reivindicación política e popular longa e persistente, que, tanto en 1936 como en 1978 nos chega -en palabras de Castelao- arrastrado pola locomotora catalá, por puro desenvolvemento da normativa constitucional, e a pesar da evidente desafección popular -posta de manifesto no referendo de 1980-, e da ineficiente xestión da Xunta preautonómica da Asemblea de Parlamentarios de Galicia, que só amosou algúns fitos semellantes aos procesos vasco e catalán nas manifestacións de 1978, en contra da «aldraxe» da Transitoria Terceira, perpetrada pola Comisión Constitucional, e na revitalización do Estatuto polo Pacto do Hostal, que foron moito máis debedores do moi galego principio de que «non imos ser menos que os demais», que dunha acción política reivindicativa que en realidade non existiu, e que foi substituída por unha evidente e frutífera iniciativa das elites partidarias.

Só así se explica -porque os feitos son máis importantes que o relato agora convido- que as primeiras consecuencias da aprobación do Estatuto de Galicia de 1981 fosen a desaparición do galeguismo histórico representado polo Partido Galeguista; a propia exclusión do nacionalismo de esquerda -UPG, BN-PG e BNG- de todo o proceso estatutario, que sempre desprezaron e deslexitimaron a favor das chamadas «bases constitucionais»; e o xurdimento dunha nova estrutura de partidos que puxo no centro e cima do sistema autonómico a un partido como AP/PP, que, tendo entrado no proceso estatutario coma se fose un convidado de pedra, e estando asesorado por un politicólogo profesional que non vén ao caso mencionar, foi capaz de ver a esencial diferenza que hai entre o modelo de descentralización que agora xurdía e o que operara non só durante a República, senón tamén, en correcta interpretación política, no pacto constitucional inspirado no consenso, no que o nacionalismo galego tampouco puido e quixo participar.

Por iso me temo que a conmemoración do 40.º aniversario do noso Estatuto de Autonomía (Lei orgánica 1981, do 6 de abril) non debera estar conducida por un relato que, intentando imitar os procesos catalán e vasco, que hoxe se expresan nunha conflitividade estatal que nós, en termos xerais, non compartimos, pretende reconstruír unha épica popular que os feitos históricos contradín, e que, valéndose do deixamento teórico e histórico que o actual PP practica -por complexo ou ignorancia-, despraza todos os méritos do Estatuto e da institucionalización autonómica cara a esquerda nacionalista, cara o galeguismo histórico, ou incluso cara a esquerda socialista, impedindo que interpretemos correctamente o colosal proceso de avance que fomos capaces de conformar e asumindo unha retórica que non é compatible cos procesos institucionais dirixidos basicamente polo PP, ni polas curtas direccións parciais correspondentes aos gobernos tripartito e bipartito que exerceron o poder durante só seis anos dos corenta que temos de historia.

Quizais por iso tampouco entendemos por que a dinámica e as dimensións dalgunhas comunidades de nova creación -nomeadamente as de Madrid, Andalucía e Valencia- están rompendo coa interpretación identitaria, reivindicativa e lingüística dos feitos autonómicos, para propoñer retos funcionais e dinámicas sociais e económicas que condicionan seriamente o noso futuro político. E non o entendemos porque, en vez de fixarnos no traballo feito dende a Constitución para acá, seguimos buscando románticas epopeas que xa non poden inspirar os retos e esforzos do presente.