Este Estatuto nada ten a ver, nin por contido nin por contexto político, nin polos actores que lle deron corpo, co plebiscitado en 1936
25 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Indo ao pasado século cara a fin, no meu maxín instalouse unha obra que o seu autor, o guardés Jorge Barbi, fixo chamar A peza que falta, metáfora dun crebacabezas cun espazo en branco ao que lle apuxen o valor dun sinal, un oco que nos advirte que cómpre, entre todas e todos, peneirar moi fino e acertar coa peza que nos falta cando se trata de continuarmos a construír a cartografía dunha Galiza señora de decidir e dona de se negar, no dicir de Uxío Novoneyra. Serve, para tal obxectivo, a fórmula institucional que representa o Estatuto de autonomía actual?
Aínda coincidindo nominalmente, este Estatuto nada ten a ver, nin por contido nin por contexto político, nin polos actores que lle deron corpo, co plebiscitado en 1936, con aquel que ficará sen desenvolver a resultas do golpe de Estado contra a legalidade republicana. Non houbo, xa que logo, restitución no que debera ter sido un pacto federal e, por iso, a pesares do respecto que merecen as persoas ou determinadas medidas que deron pé, por falar dende o meu ámbito, á creación de medios de comunicación públicos, ao fomento do cinema ou á -malfadada- Lei de Normalización Lingüística, o resultado xeral do modo en que este Estatuto se desenvolveu é preocupante.
Velaí un posíbel retrato: perda demográfica directa e inducida, coa expulsión de milleiros de persoas mozas, formadas ao máis alto nivel que, por exemplo, pasan a render noutras economías; perda da propiedade e desleixo na decisión política sobre recuperar recursos tan valiosos como a auga ou a enerxía; entrega -a prezo de saldo- do aforro á banca privada; esmiuzamento, un a un, de cada sector, a comezar por aquel eufemismo que se presentou como reconversión industrial; pasividade dos chamados profesionais e intelectuais canto a toma de posición no debate público; marxinación calculada -dende o ensino ao dispositivo administrativo-xudicial e informativo- para a lingua galega, unha singularidade construída ao longo do tempo e que nos une como comunitas, ate o punto de sermos albo da reprimenda en continuo do mesmísimo Consello de Europa.
Secomasí, e a pesares dunha borrosa e perturbadora engrenaxe institucional, producíronse múltiples accións na procura da peza que falta, accións que intercalaron o seu tempo propio e emancipador no tempo dominante, experiencias que traen para a tona a consciencia de transitar, na corda frouxa, tempos diferentes como é un tempo diferente, por exemplo, o que habita o feminismo no seno da sociedade patriarcal, o da ecoloxía fronte da destrución ambiental, o do traballo e a saúde como dereito fundamental fronte das políticas neoliberais de precariedade e privatización, and so on...
No meu espello, o 8M como símbolo e como lugar de encontro; usar a lingua en todos os ámbitos para non reconciliarme co seu maltrato; facer medrar a aposta por un tecido asociativo que ten no seu haber batallas contra xigantes para coutar a instalación da central nuclear en Xove ou a mina de Touro, por exemplo; que persistiu para que nos volvan o roubado: Meirás; que é quen de soerguer cooperativas no agro para a produción sostíbel; quen de apoiar agrupamentos culturais e participativos que nos convocan para a festa. Quen de defender o mar e as rías, de recuperar a fala, a voz propia, e canda ela a alma.
O paradoxo é que cando escribo todo isto arrédome, sen me decatar, do motivo deste texto, os 40 anos do Estatuto de autonomía. Tal se non existiran. Talvez pola ambigüidade e a distancia entre o que se proclama e o que se practica. Ou porque a peza anda desaxustada e non cadra coas miñas querenzas, o certo é que o tempo pasa a présa, o anxo da historia procura novas ás que o liberen das ruínas e o porvir reclama pensarmos como sería hoxe Galiza de se ter desenvolvido máis alá, noutro marco político que non nos idease como cativas nin como un país a tutelar.