A loba da fada

Rocío Lozano

RELATOS DE VERÁN

26 ago 2023 . Actualizado a las 12:15 h.

O día 31 de outubro pola noitiña ía colle-la bici para ir para a miña casa na aldea pero tiña unha roda pinchada: «Diaño de bici, teño que ir andando!»

Aló me vexo eu camiñando por unha pista de terra rodeada de rebolas e castiñeiros e alí arriba, no ceo a lúa chea como única compañeira.

De súpeto, oiuse in tremendo estrondo ao bateren as ás os paxaros que durmían nas árbores. Cravei os pés na terra ao ver unha criatura estrana diante de min. Silenciosamente escondinme nunha caroca dun castiñeiro e dende alí puiden ver unha besta cunha longa pelaxe branca cincenta que coa luz da lúa tornaba da cor prata. Orellas agudas, enormes ollos verdes alumaban coma dous candís, fuciño cuberto de sangue que lle escorría pola pelaxe do pescozo e grandes dentes afiados. Sentín un calafrío no corpo enteiro e non me movín. Semellante animal feroz debeu oírme respirar que se virou cara atrás mirando con aqueles ollos sanguinarios. Puiden escapar da súa mirada. Aquela criatura salvaxe seguiu camiño arriba. Entroume curiosidade de ir tras dela. Con moito coidado de non ser vista, seguina.

Chegando a Lama da Vila, vin que corría ata unha casa vella, co fuciño empuxou a porta e entrou naquela palleira suavemente iluminada pola luz dun facho na parede. A porta pechouse.

Interesada en saber o que estaba a ocorrer alí dentro, propúxenme mirar polo buraco da pechadura, momento no cal abriuse a porta e a loba saltou riba de min, mordéndome esta orella ata facela sangrar para zugar todo o sangue. Sentín perder forzas e a loba deixoume caer riba dunha paca de palla.

Vin como despois de relamer o sangue do fuciño empezou a desprenderse da pelaxe e debaixo dela apareceu unha loira nena fermosísima de longo cabelo por debaixo do lombo e bonitos ollos verdes, que colleu un peine, e sentada nun tallo, púxose a peitearse mirándose a un espello de man. Unha vez que rematou, marchou camiño abaixo deixando unha néboa brillante tras dela. A Loba da Fada desfixerase do feitizo. Pero o que vós non sabedes é que o meigallo téñoo eu agora e que o próximo 31 de outubro intentarei desfacerme del.

Rocío Lozano. 10 anos. Cambre.