Un soño político

Jorge Sacido Romero

RELATOS DE VERÁN

30 ago 2023 . Actualizado a las 10:15 h.

É de día e de noite é. Luz de potentes fluorescentes no teito ou sol que penetra polos escaparates e pola porta de cristal da zapatería. Sei onde estou, mais non sei cando estou. Levito entre andeis ateigados de caixas de todas as cores dispostas como grosas Biblias deitadas. Petrel, Elda, Inca, Arnedo. Mamá, tras o mostrador, nin me ve ao pasar. Meu avó aparece e desaparece lendo La Voz de Galicia nunha esquina. Cruzo a porta aberta ou pechada. No escaparate da esquerda, escuros coreanos de coiro. No da dereita, salóns de tacón alto. Os novos modelos son de 1988.

Un chanzo e xa estou na rúa. Hai follas e papeis nesta beira. Sopra norte. Bo día en Broña. O sol ou os farois iluminan persoas solitarias sen rostro que cruzan frenéticas a rúa formando un caos de partículas fora de órbita. Estou xa na porta máis pegada á ponte do baixo da Casa do Concello. Baixo por escaleiras estreitas e chego a un espazo escuro. Moi ao fondo á dereita unha porta de dobre folla aberta amosa ringleiras de butacas en plano inclinado. Hai xente ben vestida baixo a luz de inmensas lámpadas iridescentes. É un cinema. Torno a mirada á esquerda e apenas distingo o que ten que ser a carteleira, un fresco na parede máis escura de todas. É un tríptico cun rostro que, ao achegarme, vexo que é do Cristo e, baixo del, unha inscrición aínda máis esvaída: Fainos ricos!

O pánico trasládame á rúa. Un grupo organizado de persoas berrando avanza en perfecta falanxe cara o Concello tras unha pancarta. Nun extremo, un home ten tatuada no seu bíceps descuberto a cara do Crucificado co lema: O Señor que acabará con todos os señores. Unha modesta cruz de prata pendurada dunha pulseira reflicte un raio que me dá nos ollos ...

...Espértame a luz do día. Inmóbil e suorento escoito os familiares sons da rúa distorsionados polos ecos do pesadelo.

Jorge Sacido Romero. 56 anos. Teo.