Eran as catro en punto e xa chegara o coche do pai de Cibrán (meu primo) á miña casa, mira que son puntuais!
A toda presa collín o bolso da Praia e as dúas pas que non podían faltar, botei a correr e metinme no coche, xa estaba falando co meu primo: hoxe iamos chegar ata o centro da Terra, iamos superar a Sara e a Roi (que nos querían facer competencia); pero o pai de Cibrán non daba arrancado, estaba a falar coa miña nai de que o porco bravo comía as patacas e o millo, era verdade, a ese animal valíalle todo, e xusto tiña que vir ás nosas leiras.
Por fin marchamos e en menos de nada xa chegaramos á praia, deixamos as cousas e sen sacar camiseta nin nada collemos as pas e puxémonos a escavar nun lugar onde a area estaba algo mollada pero a marea non chegaba. Xa levábamos un bo anaco, era bastante ancho pero de fondo so tiña un metro, tomamos un descanso e fomos bañarnos. Ao volver decatámosnos de que uns nenos pequenos estiveran poñendo cunchas e demais cousas a modo de decoración ao redor do burato, e deixámolo estar.
Cando case conseguiramos escavar dous metros e xa case non se nos vía, por nós subiu un gran arrepío ao ver dous gardas civís observándonos. Non nos dixeron nada, só asentiron coa cabeza e marcharon; espero que facer buratos na Praia non sexa delito porque nós xa levamos feitos uns cantos, non coma Sara e Roi, eses aínda eran principiantes, que por certo ese día non estaban.
Tiñamos que marchar polo que collemos a cinta métrica e medimos: 2,2 m!
Dous días despois estaba vendo as noticias e decían: —uns vándalos coñecidos como «as Tiopas» enchen as praias da Costa da Morte con buratos, e esta noite un xabaril quedou atrapado nun deles… — apaguei a tele e mandeille un audio a Cibrán:
«Conseguímolo, o xabaril caeu».
María Rellán Mato. 13 anos. Brión.