O fermoso Narciso soñara por primeira vez cousas profundas, cousas que lle escoitara a outros falar. «Verdade, Poder, Amor», rumiaba mirando para a cafeteira. Chegoulle, entón, un cheiro raro. Viu cables ardendo e botando fume. Estrañouse de que non saltase o automático. Abriu a fiestra para ventilar, e o aire frío da mañá fíxoo tremer.
Ao sentar diante do ordenador no que traballaba, esbirrou con violencia e manchou a pantalla. Colleu un pano e, ao fregar a superficie, viu que se tornaba toda negra. De súpeto, comezou a formarse unha liña de escrita branca: «Son o xenio do teu ordenador. Podes facerme tres preguntas». Coma se se quixese desfacer dunha das palabras que non paraban de zumbar na súa cabeza tecleou: «Que é a Verdade?». A pantalla produciu un intenso destello branco que o deixou cego. Ao recuperar a vista, escribiu: «Que é o Poder?». Comezaron a aparecer puntos de cores que medraban ata converterse en símbolos de divisas: dólar, euro, libra... flotando ata desaparecer. Tenso, probou coa última palabra: «Que é o Amor?». A pantalla volveu tornar negra, mais permaneceu así. Mirou. Os cables estaban conectados e había actividade na CPU.
Pasou unha hora. Nada mudara. Ía probar noutro sitio, noutra pantalla. Pensou en Eiko, unha moza asiática de abraiante beleza que coñecera na universidade. Estaba perdidamente namorada de Narciso, pero el non lle facía caso ningún. Cando Narciso chamou ao timbre, Eiko pensou que a súa sorte cambiara por fin. «Podo conectar o meu ordenador á túa pantalla?». Vendo que o experimento non daba resultado, colleu a CPU e saíu da casa de Eiko sen mirar para ela. «Quérote! Quérote! Quérote!».
De novo diante da súa pantalla, Narciso esperaba que xurdise algo, mais só viu o seu rostro perfecto reflectido, cada vez máis perfilado aos seus ollos. Tremeu, mais non de frío esta vez, senón de desexo. «Quérote! Quérote! Quérote!». Ergueuse un pouco e bicou a pantalla. Primeiro suavemente, mais logo con paixón. Premeu os beizos nos seus beizos, abrazou a pantalla con forza ata que unha descarga eléctrica os converteu nunha fumeante masa de carbón e plástico derretido.
Jorge Sarcido Romero. 57 anos. Teo