Hakim olla con incredulidade o mundo desde uns ollos miúdos e curiosos. A través da fiestra, albisca as cores no ceo dun luscofusco ensanguentado, escoita o balbordo irredento da miseria. Sempre soñou con ser astrónomo pero hai tempo que ao caer a noite, non acada a dexergar o Setestrelo. Unha nube de voaxas artificiais escóndeas. A bóveda celeste aluméase de socate, pero por mor do resplandor falmaguento das bombas.
Vai durmir cavilando en que quizais no día vindeiro muden as cousas. Recorda o que dixera un veciño: “as guerras son o epílogo da humanidade”. Pecha as pálpebras con esperanza, agardando a que o rompente do día carrexe canda si o galano da palabra “paz”. Porén, o estrondo vil da pólvora esgaza o silencio de novo e non consigue prender no sono.
Escoitara falar do Scalextric. Imaxínase premendo no botón para desprazar a fume de carozo un coche de xoguete derrapando nas curvas. Oxalá houbese un botón para deter a guerra. Aperta a almofada cos dedos. Óese o pranto desconsolado da nai. Cae outra bomba!
Pablo Nogueira Campo. 37 anos. Ourense.