Sentou na escaleira e gardou silencio. Nas mans, aquela boina negra sen rabillo. E sen alma. Escoitou o silencio da tardiña, abafado pola calor infernal do día. Botaba de falta o cheiro da corte, o remoer das vacas rompendo o silencio místico do luscofusco, as galiñas remexendo na leira, apurando o tempo antes de ir ó poleiro.
Mirou ó horizonte. Abeneiros, Abeleiras, Bidueiros e algún Carballo impedían ver o mundo. A carón del, a leira estrada cos restos da silveira que condenara á pena de morte aquela tarde, acusada de intentar asasinar a casa e a memoria. Nada era como fora. Nada era como lembraba.
Pechou os ollos que, inconscientes, tiraron cadansúa bágoa nostálxica e, ó abrilos, reparou na boina que tiña nas mas. Aquela peza era recordo puro, memoria viva, lenda eterna. Era un trapo vello e desgastado no tempo, relegado a un oco escuro na artesa do faiado ata aquel intre. Era o símbolo da resistencia, da loita pola supervivencia, do sacrificio e do traballo duro que alentara a vida dunha xeración con afán de supervivencia, compromiso e esforzo. Era, sen dúbida para el, a representación de todo aquilo que hoxe por hoxe se desbota na vida: honradez, honorabilidade e respecto.
A pucha levouno no tempo. Lembrábase de todo, dende as tardes de xullo na palleira, atizando herba para o inverno, ata as sestas no arró, cando tapaba a cara para tornar o sol e as moscas. Ela sabía de carpintería, de albanelaría, de agricultura, de gandería e mesmo de meteoroloxía. Pero sobre todo, sabía da vida. Servía para todo agás para entrar na igrexa ou render respecto a alguén, cando se sacaba da cabeza e se sostiña nas mans, ás veces, retorcida con rabia para dar saída a emocións inconfesables. Como aquel día ben triste que quedara orfa no que, el mesmo, a tería esmagado.
Mirou ó arredor novamente. O silencio do solpor soaba a esquecemento. A abandono. A ocaso. Non puido evitar sentir a traizón ás raíces e a memoria da boina. Ó fin e o cabo, aquel farrapo vello gardado coma un tesouro, fora, sobre todo, a coroa do avó.
Nada era como fora.