Os primeiros días foron os máis duros. Pensou que non sobreviviría. Lembraba un filme no que un náufrago coma el conversaba cunha pelota para non tolear. Cargado de remorsos, facíase moitas preguntas. Quen lle mandou pasarse de copas no “todo incluído” daquel cruceiro polo Caribe? Por que se arriscou a pasear pola popa do buque con aquela tormenta? Como foi caer ó mar? Como chegou inconsciente a aquela praia? A súa familia estaría desolada, igual que os seus compañeiros do bufete, do equipo de pádel, do grupo de Whatsapp. E tiña pagados tres meses de ximnasio e pendente a declaración da Renda. Daríano por morto? Teríanlle feito o funeral? O clima na illa era morno. Aprendeu a apañar mariscos e a pescar peixes inocentes. Deliciosas froitas estaban ó alcance da man. De fame non morrería. Batendo pedras logrou prender lume, que alimentaba con ponlas para facer sinais de fume e poder pedir auxilio se albiscaba un barco. Coma nas películas. Un bo día apareceu ó lonxe un buque salvador, que parecía dirixirse á aquela illa perdida no océano, quizais ó seu rescate... Rapidamente achegouse ó lume, apagouno e correu a agacharse na maleza.