A verdadeira riqueza

Alberto Bello

RELATOS DE VERÁN

09 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Lela quedou sorrindo ante as cavilacións da súa neta, a cal quería ser rica de maior.

—Catuxa, sabías que a túa bisavoa era a muller máis rica da contorna?

A nena empezou a escoitar con moita atención as verbas de súa avoa.

—Cando faleceu, aos poucos meses de enfermar, todo o mundo a recordaba con moito agarimo.

«E ti acórdaste cando Rosa fixera de albanel, e reconstruíu o cortello do porco, cando este lle rompeu a parede?» «E como esquecer aqueles cestos que facía!» «Eu aínda gardo un sombreiro de palla feito por ela!» «E que lección aprendemos daquela vez que nos castigou por aquela falcatruada! Lembras?» «Lémbrome ben. Tiña moito medo de que llo dixera a miña nai cando foi onda ela a que lle mirase os pés!» «É verdade, ela xa facía de podóloga antes de que existise a podoloxía!» «E acórdaste cando lle mandaban facer un queixo para acompañar á rosca nas festas?» «E tamén sabía facer xabóns, que eran moito mellores dos que fan hoxe en día!» «Na miña casa sempre a chamaban para que lles fora aconsellar cos traballos de labranza». E sabes un dos meus últimos recordos dela? Con casi 90 anos, estaba cosendo e enfiou ela soa a agulla... sen gafas!

—Vaia! A bisavoa sabía facer moitas cousas! Por iso fixo moitos cartos, non?

—Catuxiña miña, a bisavoa nunca tivo moitos cartos.

—Pero ti dixeches que era a muller máis rica!

—Non te decataches aínda? A túa bisavoa era a muller máis rica porque era e, aínda o é, moi querida e recordada por todo o mundo. Ela era considerada a madriña de moita xente, e sempre recibiu moitos agarimos. Ela non precisaba cartos, chegáballe co cariño que lle transmitíamos a súa familia, amizades e veciñanza. Ser querida por todo o mundo é algo que só as persoas especiais son capaces de lograr. Iso é a verdadeira riqueza.

Catuxa quedou reflexionando e cambio o seu desexo:

—Avoa, xa non quero ser rica de cartos. Eu quero ser rica como a bisavoa! Pódesme contar máis cousas dela?

En homenaxe a Rosa, a muller máis rica de Vilarchán.