Recapitulemos— dixo o Tenente Miguez da Garda Civil mentres acariñaba detrás das orellas a Fiúncho, un fermoso canciño marrón de fuciño máis branco que negro, pois xa cumprira 11 anos.—Temos un viñedo de aproximadamente unha hectárea situado no medio da aldea que pertence a unha das grandes adegas que están acaparando terreos no Val do Ulla. No que esta mañá apareceron todas as cepas arrincadas. E os veciños, aquí presentes, din que os culpables foron Fiúncho e Azabache.
Cando oíron os seus nomes, Fiúncho moveu o rabo con alegría mentres que Azabache, un gatiño negro de ollos Verdes que estaba xogando cos cordóns das botas do Cabo Andrade, deu un miaño amistoso como dicindo «Ese son eu».
Os numerosos veciños alí presentes asentiron con rostros compunxidos.
—Moi ben— Continuou o tenente— Temos aquí tamén ó avogado de Ecoloxistas en Acción D. Félix Rodríguez para defendelos, que pretende alegar «enaxenación mental transitoria inducida polos fitosanitarios que estiveron aplicando onte os das viñas»
—Efectivamente Tenente- contestou o aludido— Cada vez hai mais estudios que demostran o efecto nocivo sobre a saúde humana e animal dos produtos fitosanitarios cando se aplican nos cultivos próximos os seus hábitats. Ademais dos xa probados efectos físicos (párkinson, leucemia, cancro…). Non se poden descartar efectos a nivel conductual por afectación neurolóxica.
—Xa, xa— Replicou o tenente dirixíndose ós veciños alí congregados— Dende que no val do Ulla comezou a acaparación de terreos por parte das grandes adegas, a tala indiscriminada de monte autóctono para plantar viñedos e a aplicación continuada de fitosanitarios, formáronse 3 plataformas veciñais que colaboran entre elas para tratar de poñer freno a este despropósito. Raro é o día que non presentades unha denuncia porque están sulfatando os das viñas con ventos de mais de 10km/h. Ou á beira do río ou a carón dun pozo. Teño a zona chea de pancartas contra o cultivo intensivo de viñedos. E aparece unha plantación de viña arrincada, pretendedes botarlle a culpa ó can mais ó gato. E poñédeslle un avogado para que non vaian presos! Escriba Cabo: destrozo en plantación de viña. De autoría descoñecida.