No comezo do mundo estabamos sós, o noso amor, as verbas e máis nós. E con iso fomos creándoo. E cría que co que sentía era suficiente para darlle sentido, e en verdade o foi. O noso amor aloumiñábanos na cara e dábanos apertas enchéndoo todo de luz e de calor. As túas verbas creaban camiños polo ceo e o vento na cara facíame sentir viva. Ata que caín. Caín contra o chan e cando erguín a vista estaba soa, co meu amor, a inmensidade e un peso na gorxa. e preguntei polas fragas, e procureite nos montes, busqueite por onde antes as túas verbas fixeran camiño, mais xa nin o vento sabía de ti. E quedeime soa, perdida, rodeada de toda aquela beleza e inmensidade que crearamos. Máis ben, sentinme soa. E con ganas de chorar. E de berrar. Non a ti, se non a min. Por confiar en que podía voar sen saber como aterrar. Dende aquelas quedoume unha dor no peito. Ás veces impídeme respirar e núbrame o pensamento, outras veces é tan pequeniña que me esquezo que está aí por un momento. Pero cando trato de estirarme para facerme grande está aí para lembrarme que fomos dous e non un nalgún momento. Agora desfruto eu soa de todo o creamos. Atesourando cada recordo que hai entre os carballos, os freixos e ríos antes de que desaparezan. Porque algún día o farán. E voarei eu soa ata descubrir un novo lugar. Por se algún día preguntas, fomos nós.