
A zona da «Extranet» inclúe propostas artísticas, deportivas ou propiamente lúdicas
03 may 2012 . Actualizado a las 13:52 h.Ao igual que nos últimos anos, a área da «Extranet» do encontro Xuventude Galicia Net convértese nun dos principais reclamos para mozos e familias. Por iso, dende a organización faise fincapé nas actividades desta zona coa mente posta en acadar eses máis de 6.000 asistentes que se marcan coma obxectivo.
Entre as propostas hai unha gran variedade, cunha oferta artística, propiamente lúdica ou de carácter máis deportivo.
Fóra do Pazo de Congresos -recinto onde terá lugar a party- habilitarese un campo de paintball e un trivial xigante, xogo clásico que optará por unha nova modalidade: a de preguntas rápidas. Coma sesións máis deportivas prográmanse cursos de defensa persoal (baseados na arte marcial coreana do Hapkido) e, ao longo do sábado, unha exhibición e demostración das técnicas de loita de esgrima histórica.
Nun eido máis cultural, a organización ultima nos exteriores do recinto un obradoiro de graffiti e, dentro da instalación, dúas noites de cine. O venres pasaranse seis filmes relacionados coa temática dos zombies mentres que o sábado será a saga Star Wars a que tome o relevo coa emisión das súas seis películas. Durante esas mesmas xornadas habilitaranse tamén talleres de maquillaxe relativos a ambos motivos cinéfilos para que os asistentes poidan caracterizarse e meterse no papel.
Para todas as idades resérvase o clásico concurso de karaoke e as competicións de futbolín ou de «Conecta 4» xigante. Mentres, para os mozos maiores de 14 anos destínase o obradoiro de pintura de Warhammer, actividade de maquetismo con moita demanda nos últimos tempos, e que se desenrolará durante o sábado.
As actividades desta área son de acceso libre.