O presidente da Asociación, Manuel González, dixo que esta «leva no seu ADN traballar en prol da cultura e da lingua»
04 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.O dominio galego en Internet, PuntoGal, e a Fundación Rosalía de Castro de Padrón celebran o 180.º aniversario do nacemento da escritora, que se cumpre o día 24, cunha iniciativa para baixar o prezo de rexistro dos dominios. As persoas interesadas poderán obter o seu .gal por un prezo máximo de 5 euros máis IVE ata o día 28 deste mes, rexistrándoo cun dos 9 rexistradores acreditados e que participan nesta promoción.
A iniciativa foi presentada onte na Casa de Rosalía en Padrón, sede da fundación que leva o seu nome. O presidente da mesma, Anxo Angueira, sinalou que «a fundación está orgullosa desta colaboración porque Rosalía é un emblema de Galicia e polo tanto tamén unha boa embaixadora do .gal».
O presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González, dixo que esta «leva no seu ADN traballar en prol da cultura e da lingua» polo que, engadiu: «Seguiremos a traballar en accións como a que presentamos con estas e outras institucións».
Ao acto en Padrón tamén asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que animou a toda a cidadanía «a sumarse ao dominio .gal para contribuír a ampliar e reforzar a marca identitaria de Galicia no universo da Internet». PuntoGal acaba de superar os 3.500 dominios rexistrados, segundo desvelou a directora xeral da marca, Edita de Lorenzo.