Unha visión da arte galega

C.P. SANTIAGO

SANTIAGO

O Auditorio de Galicia acolle ata o 28 de xullo a exposición de cen obras da Colección Caixanova O Auditorio de Galicia acolle desde onte unha mostra da Colección Caixanova, un fondo con máis de 2.500 obras de pintura, escultura, gravados, debuxos e fotografías. As cen obras doutros tantos autores que se mostran en Santiago preséntanse como «Unha visión da arte contemporánea galega», un amplo recorrido sobre todo pictórico que abrangue desde 1945 ata o 2000. Arranca con sendas obras de Xulia Minguillón e de Isaac Díaz Pardo, e remata coa de artistas das últimas xeracións como Pamen Pereira, Salvador Cidrás e Tatiana Medal, últimos artistas incorporados a esta colección, que é un valioso patrimonio.

26 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

A exposición inaugorárona onte a última hora do serán o director da Obra Social de Caixanova e o alcalde compostelano, que agradeceu á entidade bancaria a presentación en Santiago «deste patrimonio de tódolos galegos». No acto interveu María Victoria Carballo Calero, responsable do catálogo desta exposición, que estará aberta na sala do Auditorio ata o 28 de xullo. Os renovadores da plástica galega Maside, Colmeiro, Laxeiro, Souto e Seoane abren un percorrido no que tamén están os surrealistas Granell, Maruja Mayo e Urbano Lugrís, para toparnos de seguida cos artistas que nos anos 60 innovaron a pintura, como Reimundo Patiño, Novoa, Molezún, Mampaso e Alcolea, e os que son de diferentes xeracións e traxectorias difíciles de encaixar en correntes concretas como María Antonia Dans, Xavier Pousa, Xaime Quessada, Antonio Quesada, Alfonso Sucasas ou Quintana Martelo. A eclosión dos 80 e o movimento Atlántica está representada por pintores como Xosé Freixanes, Menchu Lamas, Antón Patiño, Huete, Baixeras, Lamazares ou Moldes, e esculturas de Paco Leiro, Borrajo, Ignacio Basallo, Silverio Rivas, Mon Vasco e Manolo Paz. Xa dos 90 e con forte proxección na actualidade algúns deles, pódense ver obras de Jorge Barbi, Isaac Pérez Vicente, Antonio Murado, Vicente Prego, Salvador Cidrás, Pamén Peira ou Berta Cáccamo.