O ciclo Cineuropa chega ao final da súa edición máis ampla

La Voz LA VOZ | SANTIAGO

SANTIAGO

Hoxe, últimas proxeccións das obras de Lars von Trier e Haneke O maratón pechará o festival con películas de Scorsese, Peckinpah, ou Cronenberg

28 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A Cineuropa estanlle chegando as palabras the end ás pantallas. Case trinta días e duascentas proxeccións despois do seu inicio, o festival ten no seu haber unha das edicións máis amplas das celebradas polo certame compostelán. A xornada de hoxe no festival terá especial relevancia para o premio do público que se realiza todos os anos coas votacións dos espectadores. Hoxe poderanse ver dúas das cintas que máis expectacións teñen levantado en distintos festivais, Manderlay , de Lars von Trier, e Caché , de Michael Haneke. A xornada de mañá ofrece unha nova interpretación da palabra clásico aplicada ao cine. Comezando con John Huston e rematando cos irmáns Coen, a xornada final de Cineuropa pode mesmo considerarse como un estudo de carácter independente dalgúns directores ao longo da historia, recente, do cine. Agás pola presenza de Factotum no medio da programación, case todas as películas programadas para esta última xornada teñen ese punto de cine que, mesmo con certo éxito comercial, segue marcando as pautas dun xeito de narrar. O protagonismo da xornada de mañá, para a que cómpre prepararse, cae do lado do maratón que comeza ás 20.15 cunha obra mestra que Martin Scorsese ten difícil superar: Touro salvaxe , que deixará paso sen interrupción a Crash , unha cinta que pasa por ser de culto e que, en calquera caso, ten acadado un certo renome co paso dos anos. Cronenberg estará por partida doble na maratón con Stephen Frears polo medio e para chegar á madrugada cunha obra de difícil catalogación e que ten espertado o interese dos degustadores de música de Dylan. Pat Garret e Billy the Kid marca outro fito nunha carreira sen concesións como a de Sam Peckinpah. Na recta final do maratón, dous directores que levan marcado estéticas e formas narrativas ben distantes. Greenaway non levanta moitos adeptos entre os cinéfilos fordianos, pero os irmáns Coen levan realizado algunhas inclusións nos xéneros con máis fortuna desde o punto de vista da narración convencional.