Unha vez lin unha estatística segundo a cal a xente ía ao cine para entreterse. O que non explicaba era de que tiñan que entreterse supoñendo que tal sexa unha forma de defensa contra o aburrimento.
Nos últimos meses acentuouse unha idea que está en vigor desde os sesenta pero que coa boa temperatura económica que Occidente acadou nos oitenta foi esquecida: do que temos que defendernos de verdade é da economía. The big sellout procura explicar como o Fondo Monetario Internacional ou o Banco Mundial están preocupados pola economía, pero iso non significa que estean preocupados pola nosa economía. Todo o mundo sabe que en economía todo se transforma, así que algunhas economías teñen que ir mal para que a xeral vaia ben. Non preguntedes cales son as que teñen que ir mal. Serán as nosas.
O da vida dos atormentados é, en certo xeito, como a vida dos mártires. Quitando a fe, claro. Hai algo catártico no sufrimento alleo que se multiplica cando quen padece goza ademais de algún tipo de talento. Patti Smith conta a súa vida de escenarios e de contradicións. Ao cabo, os retratos sempre acaban por ser haxiográficos porque teñen vontade de selos ou porque os espectadores non queren crer que haxa algo malo nos heroes. A Homer Simpson tampouco o creron cando dixo que el era Pastelman.
A pesar das excepcións, non teño confianza no cine asiático. É demasiado grande para xeralizar, é verdade. Demasiadas historias intimistas ou demasiadas inxenuidades argumentais ou demasiada retórica visual. Asia produce moitos directores de culto e non sei se será un bo indicador. The rebirth podería ser cine asiático ou non, pero a historia vale para explicar que non hai moito apaño, menos apaño do que sinala Still Walking.
E para volver a un presente máis próximo, un repaso a cousas que suceden máis preto de Compostela con documentais como O salario do silencio, sobre a instalación de Reganosa en Ferrol. Hai máis, porque as desgrazas nunca acaban: Cason, O Courel. Porque é verdade que nós non temos queixa, pero o mundo que nos rodea ten moito que dicir.