O Concello melidense achega aos escolares o programa do Día das Letras con teatro e música

La Voz MELIDE/LA VOZ.

SANTIAGO

11 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Os escolares serán os principais protagonistas da programa confeccionado pola concellería de Cultura e Normalización Lingüística de Melide co gallo do Día das Letras Galegas, que se celebrará o vindeiro luns en homenaxe ao escritor Uxío Novoneyra. As actividades programadas iniciáronse onte cunha sesión de contacontos na biblioteca municipal para os alumnos de infantil dos tres colexios públicos do municipio, e terán continuidade ao longo de toda a semana con teatro e música.

Dese xeito, a compañía Babaluva Teatro desprazarase hoxe ao centro escolar Mestre Pastor Barral para poñer en escena a obra de títeres Lume, dirixida ao alumnado de primeiro e segundo ciclo de primaria. Á cita cos títeres do mércores asistirán os escolares do colexio Martagona, onde a compañía Argallando ofrecerá a obra Charlie e a fábrica de chocolate. O venres, a compañía teatral Trécola actuará no centro escolar número 1 para ofrecerlle ao alumnado de primeiro e segundo ciclo de primaria a obra O vello que quería ver o tren. Tamén ese mesmo día, os cativos da escola infantil terán a oportunidade de compartircontos da boca de Charo Pita nunha sesión titulada Fábulas no berce, especialmente pensada para estimular a creatividade dos nenos e nenas de 0 a 3 anos.

O programa do Día das Letras deseñado dende o Concello melidense ofrecerá, ademais, un concerto aberto ao público da man do profesorado e da banda do conservatorio municipal de música. Será o xoves, ás oito da tarde, na igrexa parroquial. Un día despois, con igual previsión horaria pero na sala de conferencias do edificio multiusos, a novelista e catedrática de literatura Marina Mayoral ofrecerá unha conferencia, dirixida ao público adulto, sobre a figura da escritora Rosalía de Castro, da que ten publicados traballos de gran recoñecemento.