A escritora Marina Mayoral pecha en Melide os actos do Día das Letras cunha charla sobre Rosalía
SANTIAGO
A novelista Marina Mayoral pechará hoxe a programación que durante toda a semana se desenvolveu en Melide con motivo da celebración, o vindeiro luns, do Día das Letras Galegas.
Será cunha conferencia que leva por título Rosalía de Castro, voz do pobo galego, na que Mayoral afondará na vida e obra da escritora galega máis universal ao ser unha das figuras centrais dos numerosos e recoñecidos traballos de investigación que ten elaborado sobre a literatura feminina. O acto, aberto ao público, será no edificio multiusos a partires das oito da tarde.
Tamén hoxe, como parte do programa deseñado pola concellería de Cultura e Normalización Lingüística para conmemorar o Día das Letras, inaugurarase a exposición Crónicas da represión lingüística, que poderá visitarse no edificio multiusos ata finais de mes.
A mostra, promovida pola Deputación da Coruña, é multimedia e contempla a visión de xente anónima, estudosos e investigadores sobre a represión que exerceu a ditadura franquista sobre a lingua galega.
A programación conmemorativa do Día das Letras Galegas do Concello melidense ofreceu sesións de contacontos e de títeres para os escolares dos diferentes colexios do municipio, que tamén visitaron unha exposición didáctica sobre a historia de Galicia que se clausurou onte. Ademais, editáronse trípticos sobre a vida e obra de Uxío Novoneyra, a quen este año se lle dedica o Día das Letras.
Marina Mayoral, nada en Mondoñedo (Lugo), é unha recoñecida novelista e catedrática de Literatura Española na Universidade Complutense de Madrid (UCM). Escribe en galego e castelán e as súas obras foron traducidas en varios idiomas.