«É mágoa que esta cidade non teña un grupo de poder forte que tire por ela»
SANTIAGO
Retirado da avogacía activa, segue presidindo a asociación cultural O Galo e forma parte do Consello Social da USC
17 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.Picheleiro nacido en Virxe da Cerca «na que vivín ata que me casei», pola que fluía todo o trafico que había daquela e na que a Praza de Abastos «era o centro da vida da cidade, cando as paisanas enchían toda a costa que baixa e todo o mundo ía mercar alí, porque non había supermercados como agora». Parécelle estupendo que recuperase o pulo, pero lamenta que Compostela non teña un grupo de poder capaz de tirar pola cidade, «porque a Universidade non ten o peso específico que tiña, e cando o turismo é a principal industria, a cidade monumental, que é a que lle dá valor, está feita un desastre, co tráfico máis presente nela cada día e coas tendas de camisetas invadíndoo todo de maneira desproporcionada. E á sociedade compostelá di nada, non lle importa».
Óscar é compostelán polos catro costados. A avoa materna tiña unha tenda de antigüidades en Virxe da Cerca e o avó era orfebre. Facía pandilla para xogar ao fútbol no Barranco, onde está o parque infantil por debaixo da Ferradura, na horta do asilo da avenida da Coruña e no campo do Seminario, en San Martiño Pinario. «Era moi futboleiro, ata xoguei en equipos modestos que bautizamos como Donostia ou o Erandio, nomes que sacabamos da revista Galicia Sportiva porque eran bonitos».
Estudou nos Maristas ata que o colexio pechou, así que rematou o bacharelato no instituto, cando estaba en Mazarelos. Despois fixo Dereito e dedicouse ao exercicio profesional da avogacía, aínda que lamenta non ter seguido na Universidade, na que foi adxunto da cátedra de Civil cando volveu de Madrid, onde estivo un tempo preparando xudicaturas. Agás ese período e o das milicias universitarias no Pirineo, desenvolveu toda a súa vida persoal e profesional en Compostela. Conta que cando desistiu de ser xuíz e deu clases na Universidade o nivel da facultade era moi baixo, e ri ao dicir que só así se explica que el estivera un tempo a cargo da cátedra de Civil «porque daquela os catedráticos viñan de paso, ata que d'Ors tomou as rendas e empezou a organizar a cousa ben, e xa veu xente boa, moita do Opus Dei». Houbo un tempo no que compatibilizou a avogacía coa facultade, e laiase de ter deixado o traballo para a tese sobre o Rexionalismo.
Fala das súas inquedanzas políticas, que naceron cando entrou en contacto con xente algo máis nova ca el, «con Beiras, García Bodaño, Manolo Caamaño, Aurichu Pereira, Orjales, Ventura Cores, Xulio Maside, cos que empecei cando se fundou o PSG, pero antes diso na creación da asociación cultural O Galo».
Considera que aínda hai moitas cousas por escribir daqueles anos, «porque están libros como Os anos escuros de Franco Grande e o máis recente de Ricardo Gurriarán, pero houbo un feito anterior a todo iso que tivo unha gran influenza na política galega, como foron as reunións na casa de Salvador García Bodaño a finais da década dos 60. Foi o xermolo de toda a política posterior, da efervescencia política en Santiago, que callou na asociación O Galo e no PSG. Alí coñecín a Luis Cilía, a García Márquez e outros persoeiros da cultura moi importante». E acórdase dunha casa de comidas fronte ao Paxonal, «onde había unha carballeira á que íamos como quen vai de romaría os mozos e xente nova que tiñamos inquedanzas polo país».
A actividade sociocultural deste compostelán foi sempre grande, «pero vou soltando cousas». Segue formando parte do Consello Social da USC e sendo presidente de O Galo, «e non pola miña valía, senón porque durante moitos anos non tiñamos local e a única referencia era o meu despacho. Hoxe temos un ben xeitoso, pero a situación é distinta, porque por O Galo pasou toda a intelectualidade galega. Sigo á fronte porque non aparece a persoa que tome o relevo», matiza Fernández.