Pere Torabuela, un catalán afincado en Compostela, presentou na Biblioteca Ánxel Casal, Na cerna da selva, seu último libro, editado por Sotelo Blanco, e protagonizado por un neno de dezaseis anos quen gaña un premio literario consistente nunha estadía de cinco semanas na cerna da selva ruandesa en compañía de Dian Fossey, investigadora famosas polos seus traballos de divulgación e protección dos gorilas de montaña.
-¿É fácil para un escritor de raíces cataláns escribir en galego?
-Eu escribín primeiro en catalán, despois en galego e en castelán. Son trilingüe e sempre escribo na lingua que me apetece, e teño sorte de que podo publicar en editoriais de Galicia, España e Cataluña porque teño que diversificar para poder vivir disto. Simplemente é cuestión de adaptarse a onde estás. É ter unha lingua, falala e xa está.
-Pero supoño que haberá unha desas linguas na que desenvolve mellor literariamente.
-Non creo que a creación estea moi vinculada á lingua. Aínda que a veces a palabra limita supoño que se trata de ter unha facilidade especial. Eu empecei a escribir en galego poesía palindrómica para experimentar coa lingua. Son o único creador que ten publicado poesía palindrómica en Galicia. Como cada lingua ten a súa música trátase de cambiar de rexistro.
-Cómo definiría «Na cerna da selva, ¿cómo un libro de aventuras quizais?
-Todo libro ten un fío condutor. E este é un libro de aventura para levar ao lector neste viaxe a África. Esta novela sae a partir dun feito real que viviu Jordi Sabaté Pi, quen atopou a Copito de Nieve, e con quen traballei catro anos para un proxecto que saíu publicado en National Geographic, e que foi a miña inmersión en África. Saíu de aí e do feito do asesinato de Dian Fossey (fisioterapeuta que consagrou a súa vida aos gorilas). A partir de aí ficciono unha historia que descubre África e a profundidade da selva.
-¿Está escrita pensando nun público máis ben xuvenil?
-Cando escribo para un público xuvenil o fago esperando que sexa para certa idade. Este libro pódeno ler rapaces de 13 ou 14 anos para riba. Pero tamén quero invitar a que lean tamén os adultos. Está funcionando moi ben tanto a nivel de librería como de colexios.
-¿Mostrar o encontro de dúas civilizacións, a europea e a negra, foi tamén un dos seus obxectivos ao escribilo?
-Intentei descubrir a África dos ollos negros. Cheikh Anta Diop, o pai da historia africana, dicía que había que contar a verdadeira historia de África. Eu trato de dar a coñecer cousas que son descoñecidas.
-¿Para escribir este libro estivo vostede estivo en África e puido mirar os ollos dos gorilas?
-Non fixen nada disto. Os autores temos que ficcionar e describir sitios nos que non estivemos. A realidade para explicala sempre hai que deformala. De feito, no libro describo un solpor sobre o Nilo que parece que esteas en Marte. Somos como estos animais que todo o chupan.
-Os escritores africanos denuncian que a historia de África está feita polos historiadores e escritores das antigas metrópoles. ¿É así para vostede?
-É así. Europa ten que mirar cara a África. Eu o que fago no libro é inspirarme nun libro de contos africanos, pero non deixa de ser a visión dun europeo.