«Hai un alto nivel en Galicia, como se pon de manifesto co Abastos 2.0»

La Voz

SANTIAGO

31 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Álex leva xa catro anos investidos na súa carreira profesional na área da gastronomía. Comezou como relacións públicas, despois como axudante e cociñeiro ata chegar a xefe de cociña. Durante estos anos estivo en varios equipos gañadores do concurso Santiago (é)tapas, e na edición 2010 tivo o recoñecemento como autor, co premio Excelencia Caixa Galicia.

-A cociña de deseño critícase por ser superficial e cara, ¿que ten que dicir a iso?

-Este ano, tras estudar a cátedra de Ferrá Adrià entendín mellor este tema. Hai que distinguir a alta cociña de vangarda e a tradicional. Son conceptos distintos. O da cantidade é un reflexo de aspectos sociais e culturais. A miña nai sempre cociña para dez aínda que sexamos catro, por mor dos tempos difíciles que lle tocou vivir.

-¿Que cociñeiros ten vostede como referencia?

-Ferrá Adrià, obviamente, por todo, polo seu xenio e espírito. Tamén Pepe Solla e Karlos Arguiñano. A xente dirá que estou tolo pero admiro a súa capacidade comunicativa. Como coacher gústame Gordon Ramsey, inda que como persoa sexa un borde.

-¿Considera que a cociña galega está á altura?

-Si, hai un alto nivel, como se pon de manifesto co Abastos 2.0, que está tendo repercusión por todo o mundo, e tamén destacaría ao grupo dos Nove.

-¿E a escaseza de distincións de estrelas Michelin?

-Todo o mundo quere estar recoñecido, pero ao final é o cliente quen dá este galardón.