Dous anos tratando de «axudar aos padroneses e non crearlle máis problemas» déixanlle una «percepción boa»
15 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Os dous primeiros anos de mandato do alcalde de Padrón (PP), Antonio Fernández Angueira (A Ponte, 1975), déixanlle unha «percepción boa pese a todos os obstáculos económicos». Quizais porque neste tempo, como sinala o propio rexedor, «tratamos de axudar aos veciños e non crearlle máis problemas».
-¿Que xestións destaca?
-Logramos desbloquear a obra da vía N-550 ao seu paso por A Ponte, logo de 16 anos de espera. Regulamos o mercado dominical e seguimos traballando na súa mellora, cobrando por primeira vez os recibos por transferencia bancaria, facendo un exercicio de transparencia. Estamos a xestionar o derrubamento do esqueleto dun edificio en A Trabanca e buscamos o financiamento para completar os fondos do 1 % cultural para a obra do xardín. Sen contar que ampliamos as actividades deportivas, culturais e de lecer e reducimos o remanente de tesourería negativo de menos 938.000 euros, tal e como o atopamos, a menos 159.000 euros no exercicio do 2012.
-¿Que é o prioritario para o que queda de mandato?
-Lograr máis e mellores servizos para o rural. O arranxo e peatonalización de rúas do casco histórico e continuar coa rehabilitación de edificios. Tamén o proxecto de posta en valor do noso potencial xacobeo, conseguindo a oficialidade do itinerario Santiago- Padrón.
-O Concello ten pendente novos contratos, como o do lixo. ¿Para cando?
-No caso do lixo estamos a xestionar un servizo básico que terá unha duración de oito anos e estamos mirando detidamente todo o proceso porque non queremos que haxa problemas como houbo co anterior.
-A diario ten veciños as portas da alcaldía. ¿Que é o que lle piden?
-Necesidades básicas, melloras en servizos e no adecentamento e limpeza de zonas, pero tamén un posto de traballo.
-¿Cal é a situación económica do Concello?
-É moito mellor que hai dous anos, a pesar de ter solicitado un préstamo de 500.000 euros obrigados polo plan de axuste para pagar facturas atrasadas dende hai máis dez anos. Pese a iso, logramos baixar o remanente de tesourería negativo en máis de 750.000 euros.
-¿Houbo recortes en servizos?
-Recortes non, en todo caso axustes para un mellor funcionamento.
-¿E despedimentos?
-Ningún. Houbo unha finalización de obra e servizo e tres xubilacións.
-¿Cal é o custo para os cidadáns das dedicacións do goberno local?
-En concreto, 41.898,16 euros menos ao ano que co anterior goberno.
-O Consorcio Terras de Iria, ¿quedouse nun gran anuncio ou vai funcionar realmente?
-Os tres concellos do Sar xa estamos funcionando de forma conxunta para lograr a eficiencia nos servizos e de cara a obter subvencións en beneficio da comarca. Destaca a consecución do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES).
-¿Que percepción cre que hai na rúa do labor do goberno municipal nestes dous anos?
-Haberá opinións para todos os gustos e non o saberemos ata que o pobo se manifeste nas urnas. Só espero cumprir expectativas e aprender cada día para ter un concello mellor.
-Goberna coa tranquilidade que lle da unha oposición que non fai moito ruído. ¿Opina o mesmo?
-Non estarei tranquilo ata que o Concello teña un remanente de tesourería positivo.
antonio fernández angueira alcalde de padrón