
A de cinco alumnos do IES Maruxa Mallo, entre as mellores curtas feitas co móbil
16 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.Un teléfono móbil e imaxinación é o único que precisaron cinco alumnos de 4º curso de ESO do IES Maruxa Mallo de Ordes para crear unha pequena curtametraxe. Eloy, Dan, Miguel, Daniel e David decidiron presentarse ao concurso de curtas gravadas con móbiles promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) da Xunta de Galicia logo de que o director do centro os animara a facelo. E coas posibilidades que hoxe ofrece un aparello que antes só servía para falar, elaboraron un guión e buscaron as localizacións idóneas para desenvolvelo.
A casa dun deles, un centro comercial e o propio instituto no que estudan serviulles para exemplificar dun xeito claro, cercano e conciso, a mensaxe sobre o progreso da humanidade que pretendían transmitir. «A idea é que todo cambia e evoluciona, para ben e para mal, e as persoas somos as que facemos evolucionar o mundo e nos beneficiamos deses cambios que executamos nel, sempre que sexan positivos», explican. De aí a elección do título, Mil cousas que avanzan, e o peche da peza coa cita do filósofo suízo do século XIX Henri?Frédéric Amiel: «Mil cousas avanzan, novecentas noventa e nove retroceden. Isto é o progreso».
O concurso, que buscaba explorar a creatividade audiovisual dos rapaces e rapazas, recibiu cincuenta curtas, das que resultará gañadora a que máis apoio reciba na rede social Facebook. Polo de agora, Mil cousas que avanzan sitúase entre as cinco máis votadas, e quen así o desexe, poderá engadir puntos á curta destes mozos ordenses ata o vindeiro 19 de decembro en https://www.facebook.com/amtega/app_128953167177144.