Arrancan as celebracións das Letras Galegas

La Voz

SANTIAGO

16 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Na fin de semana no que se celebran as Letras Galegas, son moitos os actos programados para festexar a data. En Santiago celébrase hoxe a segunda Carreira Camiño das Letras, que premia a cada participante cun libro, con saída ás 17.30 dende Lavacolla ata o Monte do Gozo, onde se fará o circuíto para nenos. No ámbito deportivo haberá tamén unha bicicletada pola lingua que partirá da Alameda ás 11.00, na Quintana farase un mosaico polas Letras ás 12.30 e ás 18.00 haberá unha foliada en Cervantes. 

No concello de Brión tamén arrancan os actos hoxe, cun Concerto Literario ás 20.00 no centro social polivalente e cunha lectura de textos teatrais de Roberto Vidal Bolaño ás 21.00 na carballeira de Santa Minia. A partir do luns a Feira do Libro de Brión acollerá un programa especial con poesía, contos, teatro, exposicións e espectáculos. E Frades conmemora as Letras hoxe con obradoiros e xogos na área recreativa Os Pasos de Aiazo dende as 16.00 (gratis, previa inscrición chamando ao 981 695 567).

Xa mañá, partirá do Obradoiro a ruta Rosaliana de Motocicletas Clásicas (inscricións ata as 10.00). Teo celebrará a data cunha velada literaria e musical gratuíta no auditorio da Ramallosa ás 18.00 e a Casa Común dos Tilos contará coa actividade Imos xogar con Xosé Filgueira Valverde, para nenos de 4 a 12 anos. En Ordes representarase unha obra teatral na Casa da Cultura ás 20 horas e en Arzúa actuará o grupo de música e baile tradicional O Bringuelo, ás 18.00 na praza de Galiza.

Ademais son moitas as exposicións conmemorativas abertas nestes días, entre elas, unha mostra bibliográfica sobre Filgueira Valverde no Museo do Pobo Galego ou na Biblioteca de Galicia.