«Necesitamos pararnos e pensar, no colectivo e no individual»

SANTIAGO

XOAN CARLOS GIL

A artista de Cedeira presenta esta noite no Festigal o seu último proxecto musical, «O mundo está parado»

24 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Guadi Galego, unha das voces galegas con maior proxección, presenta o seu último disco, O mundo está parado, esta noite no Festigal, o único festival que este verán apostou polo proxecto de Guadi Galego para un exterior e para un público ecléctico.

-¿O mundo segue parado?

-[Ri] Si, o mundo segue máis ou menos cando estaba cando saíu o disco, no mesmo estado ou peor.

-¿Pero por que está parado?

-Este disco creo que é unha reflexión da falta de humanidade pola que está pasando o mundo. Poñemos o capital por riba do humano e necesitamos pararnos para pensar non só no colectivo, senón tamén no individual, en como actuamos como individuos desta sociedade. O título é como un paradoxo, porque o mundo vai a tanta velocidade que humanamente non podemos paralo.

-O disco tamén fala tamén de coherencias e incoherencias. Individuais e como sociedade.

-Si, da dificultade que temos para atopar esa coherencia no día a día e nos nosos actos colectivos e individuais.

-¿Que vai a atopar no Festigal a xente que vaia ver se o mundo está parado?

-Será un resumo, un concerto un pouco máis curto e intentaremos facelo un pouco máis intenso que nun teatro. O Festigal é un referente na miña carreira porque creo que presentei absolutamente todos os meus proxectos alí, agás Nordestinas, todos. Ata Espido, un proxecto intimo, que se presentou no Festigal no 2006, no escenario grande e cun respecto absoluto por parte de todo o mundo que estaba alí. Iso di moito, porque é un festival con moito respecto polo artista.

-¿Tocar no Festigal é algo totalmente diferente?

-Xa só pola hora cambia o latexo da xente. Pero quero que sexa un concerto no que a miña banda e mais eu non proxectemos cara adiante do escenario como se estivésemos tocando entre a xente, que sexa un concerto moi participativo.