Sabela Arán: «O meu primeiro papel protagonista foi nunha curta do instituto Rosalía»

Patricia Calveiro Iglesias
p. Calveiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

LUCÍA JUNQUERA

A actriz criouse no Ensanche, e a moito orgullo, nun fogar de cinéfilos e melómanos

03 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aos seus 30 anos, participou en máis de media ducia de series de televisión (dúas delas de ámbito nacional), leva xa catro películas, un premio Mestre Mateo como mellor actriz protagonista e unha decena de curtas. E, sen embargo, nas distancias curtas Sabela Arán descóbrese como unha persoa extremadamente próxima, nada altiva e prediga o don da puntualidade, algo non moi estendido nunha profesión na que un nunca sabe cando vai acabar a rodaxe. Leva colgado do pescozo un medallón que foi da súa avoa, Leonor, coa inicial dunha muller «con moitísimo carácter, que foi comadroa e unha grandísima profesional», conta. Dela herdou, entre outros trazos, o xenio e o seu saber estar.

Filla dunha profesora e dun xinecólogo, a pequena de catro irmáns -e a única muller- escolleu nacer un 25 de decembro, hai 30 anos. Criouse no Ensanche, e a moito orgullo, no seo dunha familia liberal, que sempre apostou pola ensinanza pública, e pelexou no colexio Pío XII contra unhas matemáticas que se lle atravesaban de pequena. Era xa daquela unha nena responsable nos estudos, que destacaba polo seu lado creativo, leal, familiar e aberta.

«Dende pequena empapeime da tuna (tiña tres representantes na casa), do ambiente dos viños do Franco, do cine... porque os meus pais eran moi cinéfilos e melómanos», sinala Sabela. E, aínda que a música tamén foi un dos seus piares (deu solfeo, canto e clases de guitarra), o becho da interpretación foi ganándolle terreo á longa lista de actividades que nalgún momento probou. Tería uns 5 ou 6 anos cando aspiraba a «canta-baila-actriz» e organizaba teatriños na casa: «Poñía as bandas sonoras de Disney e facía o show coas amigas. Invitabamos a todos os pais e sentabámolos no sofá a ver o espectáculo. E iamos disfrazadas e co playback ben estudado, que iso non era unha trapallada calquera», di entre risas.

Do soño ao debut

Soñou cunha vida de aventuras e de rodaxes cos Goonies. Con cantar e levar a Kevin Costner como gardaespaldas coma Whitney Houston. E a súa primeira experiencia como actriz amateur non tardou en chegar: «O meu primeiro papel protagonista foi nunha curta no instituto Rosalía que fixemos sobre o Camiño».

«Eu quería estudar interpretación, pero como era un mundo aparentemente complicado preferín facer unha carreira», relata. Ao finalizar Comunicación Audiovisual, cuns 20 anos, deu o salto e fixo a maleta para formarse en Madrid como actriz. Estando alí soubo polo seu pai que facían un casting para unha longametraxe, Vilamor, de Ignacio Vilar, «ao que lle estarei eternamente agradecida por darme esa primeira oportunidade». Enfundouse nun vestido dos anos 70 da súa nai, por aquilo de que era unha película de época, e non só a colleron, senón que no seu primeiro papel de peso recibiu un Mestre Mateo.

«En nove semanas e media que durou a rodaxe aprendín moitísimas cousas», afirma Sabela, que no seu último traballo encarnou a Carmela na serie Viradeira, producida por Voz Audiovisual.

Sinte que o de Gloria, de Serramoura, foi o seu papel máis recoñecido, e garda tamén especial cariño ao personaxe de Socorrito, da Esmorga, que aínda sendo unha intervención pequena foi «o maior reto». Sabela é desas mulleres ás que lles encanta probar cousas novas, e tanto se bota ás augas galegas en inverno cun buzo furado para nadar entre bombas, como se lle dá pola esgrima escénica ou por mirar tutoriais na Rede con dous meses de antelación para a maquillaxe do Samaín (como boa capricornio, é unha perfeccionista). Pero, o que realmente lle gusta, é o cine «porque ten unha atmosfera e uns tempos totalmente diferentes, polo que podes traballar doutra forma. No día fas catro ou cinco secuencias, cando na tele poden ser dezasete».

«Hai que potenciar a cultura na cidade e arranxar dunha vez o tema da falta de aparcamento»

Aínda que Sabela Arán nunca tivo aspiracións políticas, se fora alcaldesa por un día ten ben claro o que cambiaría: «Hai que potenciar a cultura en Compostela. Os concertos, monólogos, actuacións e microteatros son fundamentais para unha cidade como esta, que sempre se caracterizou pola súa oferta e nivel. E, en segundo lugar, arranxar dunha vez o tema da falta de aparcamento, porque isto é un fastío absolutamente innecesario e, ao final, non che queda máis remedio que acabar indo ao parking privado».

A súa volta a Santiago supuxo coñecer unha parte da cidade que tiña case sen explorar, o casco histórico. A rapaza que xogaba na Alameda e patinaba no parque do Parlamento está fascinada agora coa zona de San Clemente, onde pensa botar raíces nunha casiña de dúas plantas que foi da súa avoa. A capital galega, recoñece, é o núcleo máis activo a nivel autonómico do sector. Con todo, «nótase un parón que non sei ben a que responde, probablemente teña que ver co cambio de goberno, iso sempre afectou, e a subida do IVE repercutiu moitísimo», repara a compostelá, quen reclama máis apoio para a cultura porque «temos moito que ofrecer».

Por outra banda, «segue habendo moitísimos máis papeis para homes que para mulleres, sobre todo no cine», algo que debe cambiar canto antes, opina.

¿Plans a futuro? Nesta profesión é complicado telos, di Sabela. Iso si, a dobraxe apaixónaa: «Paréceme un mundo fermosísimo, aínda que de moi difícil acceso». ¿A quen poría voz se puidese? «A Marion Cotillard ou Michelle Pfeiffer», indica tras meditalo. E o teatro é outras das materias pendentes que lle apetecería probar. Porque así comezou todo. Coas clases teatrais con Xosé Arca, no Rosalía.

Nome. Sabela Arán Román.

Profesión. Actriz.

Rincón elixido. A praza de Feixóo. «É un punto no que conflúen tres cousas que son para min fundamentais: o ocio, a cultura e o traballo», pois na terraza do Riquela tivo moitas reunións e entrevistas de traballo.