Paisaxe, historia e biodiversidade, os tres piares do turismo provincial

S. Rodríguez A CORUÑA / LA VOZ

SANTIAGO

BASILIO BELLO

A Deputación promove a contratación de persoal para a promoción dos recursos do territorio

23 dic 2019 . Actualizado a las 13:08 h.

Ser unha esquina dun país permite ofrecer unha diversidade turística e patrimonial moi especial. A da Coruña é unha provincia de contrastes, mares bravos como o da Costa da Morte, ou serras agrestes coma a do Barbanza; cidades monumentais como Santiago, ou vilas tranquilas como Ortigueira; bosques autóctonos como os de Sobrado dos Monxes, ou praias salvaxes como a do Vilar. Con toda esta realidade paisaxística e monumental, a Deputación aposta por un turismo sustentable e de calidade.

E para conseguilo, a Área que coordina o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, escolle o camiño da profesionalización, con dúas liñas de actuación: por unha banda, acadar a mellora da calidade turística colaborando cos entes de xestión que mellor coñecen as demandas dos turistas; e, por outra banda, traballar nunha mellor técnica de planificación dos concellos a través de contratación de técnicos especializados.

«Queremos ofrecer a provincia como un produto relacionado coa historia, a paisaxe, a biodiversidade, que vale tanto a través da promoción de turismo cultural como do propio coñecemento e a divulgación dos valores do territorio na sociedade local», esgrime o deputado provincial e vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira.

Dende a Deputación tampouco se desaproveita a variada gastronomía propia de cada recuncho, nunha comunidade que ten fama pola súa comida. Deste xeito, o ente provincial aproveita as feiras turísticas para difundir non só as súas elaboracións culinarias senón, sobre todo, a materia prima de cada comarca.

Na liña de actuación de promoción e desenvolvemento turístico, estase desenvolvendo un Plan de Patrimonio fundamentado en catro proxectos entorno ao patrimonio xeolóxico e arqueolóxico, e forxado pola cooperación intermunicipal coa Deputación. Estamos falando do Xeoparque de Ortegal en Ferrolterra, os parques do Megalitismo na Costa da Morte, a Compostela Rupestre nas Terras de Santiago, e a Idade do Ferro entre as rías de Arousa Norte, Muros e Noia.

Por outra banda, a Deputación ten unha serie de edificios que son claras iconas do patrimonio provincial. Esta Administración é propietaria do espectacular dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños), as Torres de Altamira (Brión), o dolmen de Axeitos (Ribeira), a casa de Wenceslao Fernández Flórez (Cambre), as Torres do Allo (Zas), o mosteiro de Caaveiro (A Capela), o Castelo de Vimianzo e os Batáns do Mosquetín (Vimianzo). Tamén administra os centros de interpretación do Mandeo en Chelo (Coirós) e Teixeiro (Curtis), así como o Eco-museo Forno do Forte de Buño (Malpica de Bergantiños). A Deputación xestiona na cidade da Coruña o Teatro Colón, a biblioteca provincial e o conservatorio profesional de danza.

A Deputación converteuse no embaixador do Camiño Inglés con múltiples eventos

 

 

Nos últimos anos, a Deputación da Coruña apadriñou o Camiño Inglés con especial celo e mimo. A ruta, que parte de Ferrol e a cidade da Coruña (se ven o inicio real está nas terras inglesas de Durham), atravesa 18 municipios da provincia, o que o goberno provincial aproveita para facer promoción colectiva destes concellos. Deste xeito, anualmente realízanse mostras dos produtos típicos e recursos paisaxísticos e culturais baixo o nexo común do Camiño Inglés, eventos celebrados na propia provincia e que promove a Deputación. O primeiro deles celebrouse na praza do Campo de Betanzos, e o último na alameda de Pontedeume.

Este ano que está a piques de rematar foi tamén o da promoción internacional, xa que representantes provinciais participaron en novembro no World Trade Market (WTN) en Londres, un punto de encontro de profesionais, produtores e empresas onde se amosan as novidades e plataformas do sector turístico.

Por primeira vez, a Deputación participou nesta feira cun posto propio, dedicado especialmente á ruta inglesa do Camiño de Santiago, incluíndo o tramo Fisterra-Muxía. Nesta mesma estadía londinense, os representantes da Deputación reuníronse coa ministra de Turismo en funcións, Reyes Maroto, nun encontro que foi organizado por Tourespaña.

Tamén o stand da Deputación comeza a ser un habitual en Fitur (en Madrid), o principal escaparate do turismo en España, e onde acolle a numerosos concellos da provincia. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que a institución provincial «vén traballando hai tempo na promoción e mellora das infraestruturas dos camiños xacobeos que discorren integramente pola provincia da Coruña».