A creación artística latexa na pandemia para expandir o patrimonio galego
SANTIAGO
O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 financiou o desenvolvemento de propostas en directo e virtuais
09 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.O sector cultural loitou desde a chegada da covid-19 por manterse activo buscando todas as fisuras para achegarse ao público. Sen embargo, as restricións impostas por motivos sanitarios converteuno nun dos ámbitos máis afectados coa suspensión de moitas das actividades. Coa finalidade de que a cultura seguise latexando, a Xunta de Galicia puxo en marcha o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 co propósito de preservar a actividade e o emprego no eido da creación artística, pero, ao mesmo tempo, xerar contidos de calidade e amosar o talento dos profesionais e creadores.
Medio millar de propostas, tanto presenciais como virtuais, recibiron o apoio deste Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, dotado con 2,5 millóns de euros. Entre as iniciativas, hai varias na área compostelá, que inclúen desde concertos a actividades escénicas pasando por novos contidos en rede para expandir o patrimonio galego. As achegas foron dun máximo de 10.000 euros para empresas, cooperativas e entidades sen ánimo de lucro, e de 4.000 euros para autónomos.
Artes escénicas
Circo Atlántico. Reunir os números máis importantes de distintas disciplinas circenses feitas por compañías galegas e, ao mesmo tempo, ligalos ao patrimonio e ao Xacobeo, foi o obxectivo da iniciativa presentada pola cooperativa compostelá Culturactiva. «Queremos amosar que en Galicia hai moita diversidade e calidade», explica Nacho Fungairiño, un dos membros da cooperativa, engadindo que o proxecto tamén busca paliar a falta dun fondo documental sobre o circo. O resultado son oito vídeos que poderán verse proximamente no Portal da Lingua Galega realizados en espazos singulares. As compañías participantes na iniciativa foron Desastronauts, Sue Moreno, Kote Malabar, Circo Chosco, Fredi e SU.MA. e os traballos foron filmados en puntos como Oleiros, A Coruña, Bueu, Carboeiro (Silleda), Sabucedo (A Estrada) ou Allariz. Na selección mesturáronse distintas disciplinas circenses.
Patrimonio
«A peregrinaxe da auga». Poñer en valor o patrimonio das fontes, como punto de encontro dos peregrinos pero tamén cos propios veciños, foi o obxectivo do documental impulsado pola empresa compostelá Xurdir, coñecida por organizar na cidade iniciativas como a Carreira Camiño das Letras. No traballo contaron coa participación de Encarna Otero, Víctor Vaqueiro, José Manuel Navaza Dafonte -que conta cun catálogo das fontes - e de Antonio Reigosa para achegarse ás existentes no Camiño Francés, desde O Cebreiro ata Santiago. «Hai que poñer en valor as fontes, coidalas», explica a xefa de produción de Xurdir, Noelia Francisco Lens, que tamén incide na importante labor de documentación precisa para desenvolver este traballo, que se achega a fontes como a dos Catro Canos (Melide), a dos Franceses (entre Arzúa e O Pedrouzo) ou a fonte de Lavacolla. O documental, que conta con subtítulos en castelán e en inglés, remata cunha peza musical de Eladio y Los Seres Queridos, coa súa versión de Fonte de Araño, de Emilio Cao.
Música
Ailá. O grupo de música tradicional, a través da empresa Nordesía Producións, desenvolveu «ELO, un camiño de músicas», que inclúe libro-cedé, videoclip e un concerto. Precisamente, a actuación tivo lugar recentemente no Museo do Mar de Galicia e xa se pode ver un adianto do traballo audiovisual no Portal da Lingua Galega. «Trátase dun proxecto no que vincula as músicas de tradición oral aos diversos camiños de Santiago», explicou Xan Pampín, membro da formación, xunto Ángela Carou e Manuele Pardo. Para esta iniciativa contaron coa colaboración doutros músicos do ámbito internacional.
Xabier Díaz. O músico ofreceu o pasado sábado dous obradoiros de percusión tradicional na Cidade da Cultura no marco do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 con trinta participantes. Alternando os aspectos teóricos e a práctica, Xabier Díaz abordou as técnicas básicas da pandeireta e do pandeiro cadrado, así como o seu repertorio tradicional fundamental. Ademais, puxo en valor a importancia da muller na conservación da música tradicional galega.
«Déixaas». Outra das iniciativas en directo a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 foi «Déixaas», unha mestura de música tradicional coa vangarda máis creativa da man de Mercedes Peón, Mónica de Nut e Ana Fernández. Un cento de persoas puideron gozar deste espectáculo singular o pasado 4 de outubro en Sigüeiro (Oroso) no que as artistas se dispuxeron de xeito circular, desta maneira, ningunha delas estaba no centro.