A Roda e Lucía Pérez póñenlle música ao Camiño e á igualdade

La Voz

SANTIAGO

cedida

O grupo e a cantante crearon un traballo conxunto con dúas cancións con motivo do Xacobeo

08 ene 2021 . Actualizado a las 04:55 h.

A Roda e a cantante Lucía Pérez volven a unir forzas. Se no ano 2019 puxeran en marcha o proxecto «A Roda da igualdade», agora regresan unindo esta mensaxe ao Xacobeo. Deste xeito, durante o confinamento prepararon o traballo «Camiño da igualdade», que en breve verá a luz e que pretende ser parte da banda sonora deste ano santo.

«Camiño da igualdade» está formado pola nova canción homónima composta polo ano Xacobeo, e por «Aí o vén», un tema do grupo musical A Roda que xa prepararan con motivo do ano santo 1999, segundo detallou Alfredo Dourado, e que agora arranxaron e interpreta a cantante Lucía Pérez.

«Xacobeo vinte e un / unha máis un igual a un / mundo en común / do camiño do / que eu tamén son / do que eu tamén fun». Así comeza o novo tema «Camiño de igualdade» co que pretenden aportar un gran de area tanto á celebración do Xacobeo como á loita pola igualdade. «Queremos destacar o camiño como meta espiritual -o propio Camiño de Santiago-, e, por outra banda, o camiño como meta ideolóxica, un andar, unha arela común, cara a igualdade de dereitos, a defensa da muller e a concienciación na eliminación da violencia de xénero», explican.

Este traballo «é unha carta de presentación» e podería ter continuidade, incluíndo posteriormente máis propostas, como pode ser un vídeo ou incluso unha ampliación de temas. «Estamos moi ilusionados con este proxecto», detalla Alfredo Dourado, compoñente do grupo A Roda xunto a Xan Barcón, David Cabaleiro, Cristian García e Manoele de Felisa, e que para esta iniciativa van da man con Lucía Pérez. «A colaboración A Roda-Lucía, Lucía-A Roda, consolídase. Este é un paso máis na defensa da igualdade e, como non, unha pegada máis no Camiño», afirman.