Carmen Casal: «O recoñecemento e as condicións laborais da profesión son precarios»

IRENE MARTÍN SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

MALENA FERNÁNDEZ

Peregrinou a Fátima os últimos 240 quilómetros en cinco xornadas nocturnas

11 jul 2022 . Actualizado a las 08:38 h.

Camiña con varios grupos, entre eles Alumni USC, a parroquia dos Tilos e unha xente de Pontevea que quere facer visible o cancro bucal. Pero a fazaña maior de Carmen Casal Nogueira (Recesende-Teo, 1954) son as súas longas peregrinacións ao santuario da Virxe de Fátima (Portugal) cada mes de maio, andando 240 quilómetros en cinco días desde Covilhá. «Este ano tivemos que facelo polas noites debido á calor diurna. Saíamos sobre as dúas da mañá e chegábamos arredor das dúas da tarde, camiñando polo monte con lanternas e chaleques. Parecíamos a Santa Compaña!», explica entre risos.

Máis admirable resulta o fito ao saber que Carmela foi diagnosticada de esclerose múltiple aos 38 anos, se ben «non tivo mala evolución», afortunadamente. «Malia que esta vez non estaba adestrada como anos anteriores, aguantei xenial a peregrinación, que é completamente relixiosa, vaise rezando e meditando. O certo é que eu fun por aventura, pero acabei por impregnarme dese espírito de fe que teñen eles», destaca esta muller ao falar da andaina a Fátima, unha actividade na que participan máis de sesenta persoas e que leva aparellada «moita loxística». Sempre lle gustou camiñar, aínda que se afeccionou haberá uns dez anos, pensando na xubilación: «Tamén son moi viaxeira e gustaríame recorrer andando determinados lugares de España».

Carmela é enfermeira xubilada, e iniciara a súa traxectoria profesional no desaparecido Hospital Provincial de Galeras, logo no Xeral cando abriu en 1975 e finalmente no ambulatorio de Concepción Arenal, onde estivo case vinte anos. «Identíficome coa enfermaría que practiquei nesta última etapa, porque pasamos a facer todo e a estarmos ao tanto das técnicas novas. Foi cando moitos tratamentos que se facían no hospital pasaron a ser ambulatorios: nutricionais, oncolóxicos, complicacións vasculares… Ademais no ambulatorio podía ver pacientes de todas as idades, as patoloxías que ían aparecendo e como evolucionaban a medida que se ían facendo maiores. A enfermaría é cada vez máis resolutiva, a pesar das dificilísimas condicións de traballo», advirte esta enfermeira de vocación, pero tamén engade que ela viviu unha época «marabillosa: empezamos ganando moi pouco, pero deseguido melloraron os nosos salarios e as nosas posibilidades de formarnos e crecer na carreira profesional».

Aínda que se mostra comprensiva cos pacientes que se enfadan —«no hospital é máis duro», matiza—, é da opinión de que non é unha profesión recoñecida socialmente. «Temos unha responsabilidade moi directa e moi grande, cunha morea de tarefas, que ademais soen estar coordinadas con outro persoal, e todo isto durante oito horas. As condicións laborais e o recoñecemento social da profesión son precarios», conclúe a sanitaria á que lle chegou o retiro hai case tres anos. É avoa de cinco netos e nai de dúas fillas. A que vive na Estrada acolleu temporalmente estes meses de atrás unha nai e dous nenos ucranios, unha situación familiar na que Carmela botou unha boa man.

Esta muller de tanta enerxía e filla única lembra con gozo cando era nena e axudaba no campo. «Fun súper querida nunha aldea onde se vivía exclusivamente do campo. Tiñamos moitas leiras, dez ou doce vacas e un pai con inquedanzas pola miña formación para que puidese saír de alí. Empecei en Dona Emma con once anos, pero a miña casa distaba tres quilómetros da estrada onde collía o bus para Santiago; así que meu pai levábame dacabalo por un carreiro, e cando fun máis moza xa me deixaban ir coas leiteiras. A min gustábame o traballo no campo e eu era unha máis, pero tamén é certo que miraba para a caída do sol desexando acabar, porque tiña que estudar ao mesmo tempo», confesa con certo rubor.