Ángel Leis, candidato do PSOE á alcaldía de Negreira: «A suma das forzas de esquerdas pode dar un goberno estable»

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O socialista amósase partidario dun acordo que integre ao concelleiro do BNG nun executivo municipal progresista

14 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Ángel Leis Míguez (Liñaio, 1977) acadou a maioría absoluta para o PSOE en Negreira no 2019 por dous votos: 1.787, fronte a 1.785 do PP de Rubén Suárez. O 28M foi segunda forza tralo PP, con 6 edís en cada caso, e un o BNG, cuxo apoio precisa para ser elixido alcalde o sábado; a asemblea do BNG ten a última palabra, pero o edil nacionalista Xosé Ramón Blanco Pichi apuntou onte que existe «un principio de acordo», cando menos para a investidura.

—En que punto están as conversas cos nacionalistas?

—Bastante avanzadas. Hai unha serie de cuestións enriba da mesa, pero non estamos moi lonxe de chegar a un acordo, porque as ideas e programas de ámbalas dúas formacións coinciden en moitos puntos. Estamos a expensas de ultimar algúns detalles para ver o resultado final.

—Apoio para a investidura ou pacto de goberno?

—Eu prefiro un acordo de goberno a catro anos, para facer un goberno estable e progresista para o noso concello, e non estar durante todo o mandato con disputas entre uns e outros, e que iso o acabe pagando a cidadanía.

—Cal cre que foi a clave para que nestas eleccións o PP de Suárez fora a lista máis votada?

—Facendo unha análise obxectiva e cos números na man, é verdade que nós con respecto ao 2019 perdemos só 33 votos; temos que contar que desapareceu outro partido como é Ciudadanos, que obtivera 159 votos, e a maiores houbo maior participación no 2023, con 119 votantes máis. A maioría deses votos foron para o PP, o BNG subiu 93 papeletas, e acádase ese resultado de 6, 6, 1, onde a suma das dúas forzas de esquerdas poden optar a un goberno estable neste concello. Hai que analizar distintas cuestións pola casuística local; a min non me gusta mirar o que nos di moita xente de que se está pagando a marca política, de que o PSOE caeu en intención de voto. Eu non vou botar a culpa ás siglas do meu partido, senón que teño que facer unha autocrítica e analizar as cuestións que a nós persoalmente, e eu póñome en cabeza, nos puideron influír negativa ou positivamente. Estámolo analizando internamente e farémolo con máis calma unha vez pase a toma de posesión, coa executiva local e todos os que participamos nesta candidatura.

—Puido pasarlle factura o retraso no PXOM comprometido no 2019?

—Houbo proxectos que non se puideron levar a cabo nestes catro anos, que van con retraso, porque a situación vivida co tema da pandemia retrasounos non só iso. Tamén moitas obras que a día de hoxe están en marcha, e que para nós tería sido moito máis satisfactorio telas feitas antes das eleccións. Puxemos en marcha o PXOM, que é moi importante e nos gustaría rematar.

—De ser reelixido alcalde o sábado, cales son as súas prioridades?

—De continuar á fronte do goberno local, a nosa premisa é traballar arreo como nestes catro anos e demostrar aos veciños a nosa xestión. Para nós os proxectos máis importantes son os que temos en marcha. Por citar algúns, rematar o PXOM; renovar o alumeado público coa axuda de 2,1 millóns do IDAE; a humanización da rúa Rosalía de Castro, que quedou dúas veces deserta; a rede de abastecemento ao núcleo de Padín (Covas), e outros; a renovación das tres pistas de tenis e do céspede artificial do campo de Cepelo ... Pero se formamos parte dun goberno con outro partido que nos apoie teremos que contar coa súa opinión para ver cales son as prioridades no noso concello.

.