O CCG analiza en Santiago a gordofobia e as crises alimentarias ao longo deste mes

La Voz

SANTIAGO

M.MORALEJO

As xonradas terán lugar o 21 e o 22 de setembro

05 sep 2023 . Actualizado a las 04:55 h.

O Consello da Cultura Galega (CCG) retomará a actividade despois do parón estival durante as últimas semanas. Durante este mes organizará na súa sede en Santiago tres xornadas nas que poñerá o foco, entre outras cuestións, na discriminación que subxace trala gordofobia e nas crises alimentarias.

A primeira das citas chegará o 21 de setembro, cando o CCG retomará o foro «Pensar o mundo dende Galicia» co que celebra o seu 40 aniversario. Na iniciativa titulada «Unha ollada socioeconómica dende Galicia. Os límites planetarios» abordará as crises alimentarias. Intervirán, entre outros, José María Sumpsi, exdirector de Política Alimentaria da FAO e Adrián Escudero, catedrático de ecoloxía de Universidad Rey Juan Carlos, que analizarán o impacto do cambio global na agricultura e nas posibles crises de alimentos.

Pola súa banda, a vulneración dos dereitos das persoas que sofren discriminación polo seu aspecto físico subxace na actividade que desenvolverán o CCG e a Valedora do Pobo o día 22. Nela participarán Covadonga D’Ilom, autora de «Curvy», o primeiro cómic sobre a beleza con curvas; a nutricionista Rocío Portal, a psicóloga Lucía Trigo e a actriz Teté Delgado.

Por último, o día 28 regresa o ciclo «Pensarmos», que achegará unha reflexión sobre a calidade da democracia da man de Xosé Ramón Veiga.