O Museo do Pobo espalla o legado de Fernández del Riego

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

A mostra «Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito» foi inaugurada este xoves no Museo do Pobo
A mostra «Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito» foi inaugurada este xoves no Museo do Pobo Sandra Alonso

A mostra sobre o homenaxeado no Día das Letras remata a andaina en Santiago

18 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Nunca esquecín aqueles primeiros días deambulantes por rúas e prazas. Andaba mollado de saudade...». Así describía Francisco Fernández del Riego as súas primeiras horas en Compostela nun dos capítulos da súa autobiografía Camiño andado. Unha cidade que marcou os anos mozos do homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, tal e como queda de manifesto na exposición Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito, que remata na capital galega un percorrido que a levou con anterioridade polo súa vila natal, Lourenzá, e por Vigo. A mostra inaugurada onte poderá verse ata final de ano no Museo do Pobo, unha institución á que tamén pertenceu o autor homenaxeado.

A exposición impulsada pola Xunta e producida pola editorial Galaxia coa colaboración da Fundación Penzol e a Real Academia Galega repasa a traxectoria vital e profesional do autor homenaxeado a través de catorce paneis informativos e didácticos, así como con material gráfico e documental pertencente a Del Riego. Precisamente, nunha destas vitrinas aparece unha fotografía de don Paco nas escaleiras situadas diante de Bonaval «onde fixo a instrución militar nos inicios da Guerra Civil, nunha instrución militar obrigada», lembrou Xesús Domínguez, director de Produción de Galaxia, durante a inauguración, que estivo encabezada polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e na que tamén interviron Malós Cabrera, co-comisaria da exposición xunto a Malores Villanueva; unha sobriña do autor homenaxeado, María Eugenia Bermúdez; Francisco Fernández Rei, membro numerario da RAG; e Concha Losada, presidenta do Museo do Pobo.

Malós Cabrera incidiu en que Del Riego dedicou toda a súa vida «a defender e traballar arreo pola identidade da nosa terra. Nun primeiro momento, na súa mocidade universitaria, nos esperanzados tempos da República, desenvolvendo naquela Compostela dos anos 30, unha entusiasta e intensa actividade divulgativa de galeguización». Precisamente, un dos paneis da mostra está dedicado a esa etapa. O representante da RAG resaltou como Del Riego revolucionou a institución. Pola súa banda, Concha Losada lembrou co Museo do Pobo «foi tamén a casa de Fernández del Riego». O secretario xeral de Política Lingüística indicou que escolleron estas instalacións do museo para facilitar que moitas persoas coñezan a mostra.