Paseando co sol como compañeiro

Xerardo Estévez e Alfonso Salgado COMPOSTELA EN DEZ PASOS (V)

SANTIAGO

03 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Sen luz non habería vida, nin campos, nin cidades. Ao cabo do ano, o sol reclínase de 365 maneiras e ten en Santiago unha referencia espacial cando, enfilando aproximadamente a mediodía a rúa do Vilar, entra polo óculo sur da catedral e ilumina o transepto. Ese arco solar vai diminuíndo ou alargándose entre solsticios e equinoccios, proxectando sombras de maior ou menor amplitude sobre as rúas e os edificios. 

Para entender a xeografía de Santiago propoñemos seguir o curso do sol desde o monte Viso ata o monte Pedroso, subindo e baixando outeiros e valgadas. Hai múltiples rutas. Se ascendemos ata o cume do Viso pola mañá teremos ante nós unha panorámica única de 360 graos das terras de Compostela, esa gran comarca cun porvir agropecuario sen poñer aínda en valor como conxunto, limitada polos cursos do Tambre e o Ulla e polas cadeas de montañas que cambian de cor coa versatilidade do tempo. Desde alí distínguese o recinto histórico amurallado rodeado de camiños e rueiros que, como tentáculos, se espallan polo contorno, e tamén a ronda histórica, o periférico e a AP-9, tres corredores pensados para traballar ao unísono que hoxe apenas se falan. Alá ao fondo o Pedroso, a meta. Todo a esa escala é fermoso porque a distancia o converte en paisaxe, como unha postal, volvémonos poetas das nosas emocións.  

Descendendo do Viso cruzamos sobre a autoestrada, que é hoxe un gran colector de tráfico de paso do norte cara ao sur de Galicia, máis ca unha conexión entre o Milladoiro, o Castiñeiriño e San Lázaro. A Cidade da Cultura conta cunha grande área de estacionamento, como as do campo de fútbol de San Lázaro e o Monte do Gozo, que poden ser «salóns de recibir» conectados co centro por buses pequenos, frecuentes e con traxectos circulares, xogando un papel activo no esquema xeral de mobilidade.  

Polos sendeiros en zigzag que baixan do Gaiás achegámonos aos barrios da parroquia de Sar, que conservan con esmero o seu rico patrimonio etnográfico. Modernidade e tradición son tanxentes. Penetramos no espectáculo natural das Brañas do Sar, o río de Rosalía de Castro, onde aínda pasta algún gando nos prados que o bordean. Canto gozamos todos das áreas que o planeamento preservou e que nada máis reclaman limpeza e control da vexetación. A colexiata de Sar coa súa contorna é outra oportunidade de cultura, patrimonio e lecer que aínda non está sobre a mesa. 

O tobogán orográfico lévanos polo Castrón d'Ouro deica a ronda histórica, tan maltratada polo abuso circulatorio. Desprazámonos con dificultade polas exiguas beirarrúas ata a praza de Abastos. Que bo exemplo de relación transversal entre arquitectura e sociedade. As prazas de Santo Agostiño, da Pescadería, de Feixoo, foron os escenarios dos nosos xogos e hoxe poderían seguir séndoo, sen necesidade de artefactos nin electrónica. Pero onde están os nenos? Un obxectivo crucial é que todos os composteláns volvamos pisar os espazos do centro histórico, co apoio dun transporte público que os conecte coa periferia e salve as costas. 

Discorrer polo Preguntoiro e a Caldeirería é un exercicio de proximidade real, entramos e saímos dos comercios, tropezamos e sempre o resolvemos con cortesía e afabilidade. A rúa é o mellor espazo educativo. A Quintana, a caixa de luces e sombras máis bonita da cidade, as Praterías ou a Acibechería, o cívico Obradoiro, merecen cadanseu artigo. Lugares onde se concentran os turistas, que son cidadáns coma nós; de promover estoutros paseos pola Compostela descoñecida, o tránsito das persoas sería un pouco máis fácil. Buscar o equilibrio entre a convivencia e os usos das cidades históricas é un desafío global, onde as administracións públicas deben xogar un papel determinante. 

Seguindo a costa do Cristo e a rúa das Hortas, topónimo que responde a unha realidade habitacional felizmente protexida, atravesamos o parque das Galeras e o curso do Sarela. O acceso ao Pedroso pode acometerse ben polo Carme de Abaixo, agora que se está a habilitar a necesaria senda na perigosa estrada de Figueiras, ou ben polas Casas Novas, seguindo o camiño do viacrucis. En calquera caso, deixarse levar. 

Desde a cima, co solpor, as vellas pedras tórnanse douradas. A cidade estírase entre os campos, os límites só son administrativos. Se nos volvemos cara ao fermoso val da Maía intuímos o reflexo do mar, que podería terse alcanzado coa vista desde a non nata plataforma do Pedroso.