
Escolma fotografías do antropólogo danés que se poderán ver ao longo de todo este ano
09 ene 2024 . Actualizado a las 04:55 h.O Museo do Pobo Galego homenaxea ao antropólogo e folclorista danés Gustav Henningsen, que faleceu o pasado outubro, dedicándolle unha exposición que poderá verse ao longo de todo este ano. Trátase dunha pequena escolma de fotografías que pertencen ao fondo que doou o propio Henningsen e a súa muller, Marisa Rey, ao Museo no ano 2019.
As imaxes que agora se exhiben forman parte da primeira exposición que elaborou o Museo do Pobo cos materiais do danés, «Galicia Máxica I: reportaxe dun mundo desaparecido». Hai que lembrar que o antropólogo percorreu Galicia facendo unha parte importante do seu traballo a finais dos anos 60. Henningsen retratou o cotiá, aquilo que ata entón ninguén plasmara. «O inmenso valor das súas fotografías débese a que son imaxes tiradas por un atropólogo, non por un fotógrafo profesional, polo que o seu punto focal non estaba tanto na imaxe senón nos comportamentos sociais que había nela», destacan desde o Museo do Pobo Galego.
Deste xeito, forman parte da mostra un gran número de imaxes tomadas en Ordes. Entre elas, unha na que o propio Henningsen no ano 66 está mantendo unha entrevista cun labrador na cociña. Tamén conta con retratos de dous homes elaborando zocas en Achán, unha labradora co arado e o xugo ás costas ou unha sesión de contos nunha casa.
Esta escolma situada na entreplanta tamén conta varias tiras fotográficas que recollen distintos ritos e tradicións, como demostracións de como «levantar a paleta», a busca da «auga de helicornio» —remedio universal contra a meiguería— ou referidas á cura da hidropisía.