Manuel F. Rodríguez: «Documenteime moito para a novela. Ao escribir do Camiño hai que procurar aspectos novos»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

SANTIAGO

XOÁN A. SOLER

Publicou «El viaje al fin del mundo», unha versión en castelán da súa primeira novela

30 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«A viaxe á fin do mundo» (Bolanda Edicións) supuxo o debut do xornalista Manuel F. Rodríguez (Sarria, 1958) no eido da novela. Despois de máis de mil exemplares vendidos desde que saíu do prelo en 2015 e de levar «xa un tempo esgotada», a historia que parte do acontecemento real do roubo da Cruz de Afonso III na Catedral de Santiago en 1906 ten agora unha versión en castelán, «El viaje al fin del mundo. Los buscadores» (Evohé).

—Non é só unha tradución...

—Tiña moi claro o que quería facer tan pronto como me propuxeron a tradución ao castelán. Non quería unha tradución literal, quería sacarlle elementos e engadirlle outros que me parecía que faltaban. É unha novela máis curta, e creo que como novela é máis eficaz, máis áxil, que a versión en galego.

—Quen lera a versión en galego atopará elementos novos?

—A trama é basicamente a mesma, pero hai elementos novos. Xente que a leu nas dúas linguas xa me dixo que era distinta. Parte do roubo da Cruz de Afonso III, que aconteceu realmente en 1906. Era unha cruz que fora adorada polos peregrinos, a gran xoia altomedieval da Catedral de Santiago. Era a cruz máis significativa que tivo nunca a Catedral e en 1906 cando estaba mal —roubáranlle xa antes gran parte das pedras preciosas—, nunha noite desaparece despois de que entraran pola ventá ou pola porta. Desapareceu só esa cruz que era do que tiña menos valor económico dos relicarios. A min iso estimuloume a imaxinación. Ademais, no 1921 ardeu o retablo onde estaba esa cruz. Entón, a partir deses dous acontecementos vou escribindo a novela. Tamén o enlazo co sentido que ten a peregrinación a Santiago. De aí vén o título «El viaje al fin del mundo». Para os peregrinos que viñan de Islandia, de Armenia..., era a viaxe da súa vida, incluso para os que viñan de Alemaña ou Francia. Para eles era a viaxe á fin do mundo e, a súa vez, a viaxe ao apóstolo do fin do mundo, como aparece no Códice Calixtino. Tamén aí está a conexión con Fisterra, moi presente na novela. A peregrinación a Santiago é a peregrinación das grandes distancias, se non o entendemos así, non entendemos nada.

—Xa viu a luz a finais do 2023, como está sendo a resposta?

—Estou moi contento e aínda lle auguramos un percorrido. Vouna presentar en Sarria, Burgos, Albacete... É unha novela moi do Camiño, da sensibilidade propia do Camiño. Aínda que a acción transcorre en Santiago, en Fisterra, incluso en Vilagarcía, a novela, como o propio Camiño, ten esa connotación universal.

—Nos últimos anos, especialmente coincidindo co ano xacobeo, xurdiron moitos libros con esta temática. Dá para tantas historias o Camiño?

—Non o sei. Cantas hai da Guerra Civil? Da Segunda Guerra Mundial? O que hai que procurar é achegar aspectos novos do Camiño. Para esta novela documenteime moito. Do roubo e do incendio, por exemplo, custoume bastante porque hai pouca documentación. Tratei de dar esa visión da peregrinación como elemento emocional que une á xente de moitas culturas e relixións, incluso sen relixión, porque no Camiño hai ateos, non crentes...

—Xera moitas historias...

—Hai moita novela histórica centrada na Idade Media, na propia ruta do Camiño... No 2008 fixen a Gran Enciclopedia do Camiño de Santiago, foi unha idea miña con máis de 3.000 entradas, das que fixen 1.500 e busquei as outras. Esa bagaxe dáme moita seguridade á hora de escribir sobre o Camiño porque sei o que hai e o que non hai. Cando relato o roubo da Cruz de Afonso III e das estrañezas todas cando a roubaron, non estou inventando nada. Escribín esta novela porque me pareceu que era necesario escribila, que era necesario dar unha visión perfectamente documentada, aínda que fóra desde a ficción, do que foi a peregrinación e o que significou, así como de todas estas connotacións simbólicas e espirituais que ten.

—Cales son os seus novos proxectos literarios?

—Algún día igual lle dou continuidade a esta novela. Agora estou pendente de publicar outra novela este ano que non ten nada que ver co Camiño, tamén en galego. Non aparece a palabra Camiño! Penso que dixen todo o que tiña que dicir do Camiño.