Participarán Rexina Vega co cuarteto Ghaveta e Santi Romay con As Cegas de Ouselle
12 jun 2024 . Actualizado a las 04:55 h.A Fundación Carlos Casares protagoniza hoxe a actividade da Selic na praza da Quintana coas xornadas Coordenadas. Os remos na auga. Sons de Ribeira nas que recitais e música se dan a man. Comezarán ás 18 horas coa estrea do videoensaio «Xavier Alcalá. Cinsa nas velas», un audiovisual de Ricardo Araújo e Laura Guizán. Unha hora despois toma o relevo «Unha viaxe interior», un recital no que Rexina Vega lerá o seu libro «O teu perfil na miña sombra» acompañada da música do cuarteto Ghaveta.
Despois, ás 20 horas, chegará «Remos de auga», unha escolma de textos escollidos por Xesús Fraga de «Unha viaxe entre solsticios», obra na que segue o percorrido do río Miño, dende o seu nacemento no Pedregal de Irima ata a súa desembocadura. Recitará o actor Santi Romay acompañado da música de As Cegas de Ouselle.
A actividade da xornada complétase cun paseo da man de Paula Carballeira polo mundo teatral de Santiago. Partirá ás 16.30 horas da entrada principal da carpa. Ademais, Eduardo Baamonde asinará ás 18 horas exemplares de «Santiago de Compostela en acuarelas» no posto da libraría Urdóboros.