A ollada máis artística da arquitectura 

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Santiago acolle unha mostra coas obras de Afundación inspiradas no urbanismo

26 oct 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

Un total de 47 obras de arte realizadas nos últimos dous séculos por importantes nomes da creación en Galicia cun fío temático condutor: a cidade, a arquitectura e o urbanismo. Esa é a proposta que pode verse en Santiago no marco do macroproxecto «Simultánea» deseñado por Afundación con motivo do seu décimo aniversario e que conta cunha mostra en cada cidade galega abordando distintas temáticas e tomando como base creacións da súa colección de arte.

Do «Atardecer y ensoñación en un país imaginario», do ano 1827, de Jenaro P. Villaamil, a «The Empire State eassy #1», de Antón Cabaleiro, no 2010. Elas constitúen a obra máis antiga e a máis recente das exhibidas en «Arquitecturas narradas», que pode visitarse ata o 25 de xaneiro na sede de Afundación en Santiago (rúa do Vilar, 19). Unha temática, a da arquitectura, moi presente na arte, tal e como lembra a crítica de arte Mercedes Rozas, encargada de abordar a exposición compostelá no catálogo de «Simulténea». «Ao longo da historia hai moita arquitectura pintada», afirma.

No percorrido pola sede de Afundación en Santiago o espectador pódese achegar a distintos estilos. Así vai desde ese romanticismo de Villaamil ata obras costumbristas, surrealistas e sen esquecer a abstracción ou o graffiti. Aínda que a maioría son creacións pictóricas, tamén se inclúe fotografía, escultura, debuxo e vídeo. Nas obras, hai distintas visións desde a rentes do chan ata desde o alto. Desde a urbe ata a iconografía da arquitectura rural, con obras protagonizadas por soportais, casas de pedra, vistas a través de linguaxes tan diversas como as de Carlos Sobrino, Lugrís ou Vicente Blanco. Tamén Julia Minguillón ofrece «unha imaxe perfecta», tal e como resalta Mercedes Rozas, dunha aldea galega de noite.

PACO RODRÍGUEZ

Pero os artistas non se inspiran só en arquitecturas galegas, senón que tamén están presentes outros territorios como o París que reflicte Virxlio Blanco, o Nova York de Roberto González, a gran mezquita de O Cairo de Jano Muñoz ou o Santiago de Cuba de Xurxo Martiño.

Articulado en seis bloques

«Arquitecturas narradas» está artellada en seis apartados. O primeiro dos bloques, «Compostela», constitúe unha pequena homenaxe á cidade anfitrioa, con obras que teñen Santiago como protagonista. Nesta benvida pódese atopar obras como «Hospital Real», de José Villafínez, do ano 1940, así como unha obra de San Domingos de Bonaval de Jenaro Carrero.

Pola súa parte, «Lugares con personalidade» amosa distintos destinos como Siena, París ou Toledo; mentres que «Trazos rurais» reflexiona sobre a iconografía rural desde unha perspectiva tradicional, pero tamén como linguaxe de vangarda. Os valos publicitarios, graffitis e farois son os protagonistas de «Paseando polas rúas», que centra a perspectiva á altura do paseante. Moi distinto é o apartado «Rañando o ceo» que pon o foco nos rañaceos, catedrais e o «skyline». Por último están as «Arquitecturas deshabitadas», no que esa cidade, ese urbanismo, se desdebuxa.

Percorridos guiados todos os xoves

 

 

«Arquitecturas narradas» pode visitarse na sede de Afundación de luns a sábados ata o 25 de xaneiro de 12 a 14 e de 16.30 a 20.30 horas. Os domingos, permanece pechado . A entrada é gratuíta. Ademais, aqueles que o desexen poden participar en percorridos guiados pola mostra os xoves ás 19 horas. As prazas resérvanse a través de Ataquilla.

Catálogo por especialistas

Por outra banda, Afundación tamén publicou un catálogo que recompila as sete mostras que conforman «Simultánea». Encargou cada apartado a un especialista. Os autores son José Manuel García Iglesias, Asunta Rodríguez, Carlos L. Bernárdez, Federico L. Silvestre, Miguel Ángel Cajigal, Mercedes Rozas e Pilar Corredoira.