Máis dun cento de debuxantes retratarán a Universidade compostelá

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

O encontro contará con ilustradores de referencia que amosarán o seu proceso creativo

30 oct 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

A sétima edición do Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada reunirá do 7 ao 10 de novembro a un total de 120 debuxantes tanto chegados de Galicia, como de fóra para plasmar espazos da Universidade. «Sempre queremos facer cousas diferentes porque hai xente que repite. [...] Parecíanos importante que coñeceran tamén o patrimonio universitario», afirmou Gema Sesar, responsable do encontro, que presentou onte a iniciativa xunto á concelleira de Capitalidade Cultural, Míriam Louzao. A representante municipal resaltou que esta cita converte á cidade en protagonista.

Este ano volven a ser maioría os inscritos de fóra de Galicia, pero a pesar diso hai un incremento da presenza galega para compartir experiencias con artistas da ilustración de moi diversas procedencias como a polaca Iwona Flaszczynska, o catalán Daniel Pagáns ou o estadounidense Alán Ramiro. Así, durante o encontro o venres e o sábado retratarán espazos históricos como o pazo de Fonseca, o colexio de San Xerome ou as facultades de Medcina e Historia. Ademais, achegaranse a outros espazos abertos, como residencias e facultades do Campus Vida, e o Museo de Historia Natural, entre outros.

Xornadas os días 8 e 9

Este encontro de Compostela Ilustrada tamén contará coas Xornadas de Ilustración Urbana, que se celebrarán os días 8 e 9 no Auditorio de Galicia, con acceso de balde para a toda a cidadanía e visitantes. Nelas, os artistas amosarán o seu proceso creativo. A primeira das citas será coa a polaca Flaszczynska. Ela será a encargada de abrir as conferencias o venres 8 ás 16.15 coa charla «Da observación á interpretación». Despois, será a quenda do catalán Daniel Pagáns, que impartirá a conferencia «Os meus cadernos. Os meus camiños». Pechará as intervencións do venres o estadounidense Alán Ramiro con «Cando ti transformas, a túa arte tamén se transforma». O sábado, ás 16 horas, abrirá as charlas a artista valdoviñesa Blanca Escrigás cunha conferencia en torno ao muralismo ilustrado. Seguiralle o ilustrador francés Pierre Amoudry con «Viaxe polas cores». Despois, o acuarelista murciano Nacho Muñoz conversará sobre «Unha viaxe a través da acuarela». O lisboeta João Catarino pechará as xornadas coa intervención titulada «O claro, o difuso e o baleiro». No transcurso das dúas xornadas, Blanca Escrigas elaborará en directo un mural de 2x2 metros no Auditorio.

O encontro tamén incluirá mostras de Fausto Isorna e de Pilar Barral, así como a presentación dun libro e propostas sobre como facer a cor de Santiago ou converter un debuxo para despois tatualo.