A Festa do Apego chama á cativada a divertirse o sábado en Santiago con circo, música, contos e xogos

La Voz

SANTIAGO

Santi M. Amil

O colofón será co espectáculo «Orquestra de Malabares» con Pistacatro e a Banda Municipal de Música

19 dic 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

Xa se está convertendo nun clásico para a cativada. A Festa do Apego celebra este sábado a súa oitava edición no Auditorio de Galicia ofrecendo circo, música, teatro e xogos para os más pequenos da casa durante seis horas con entrada de balde. Un espazo no que socializar en galego e que tamén serve de reforzo interxeneracional, remarcou a alcaldesa, Goretti Sanmartín, durante a presentación das actividades dirixidas á rapazada de ata seis anos xunto á técnica de Lingua, Marta Besada.

A festa comezará ás 12 horas. No inicio haberá unha visita guiada para ás familias á exposición «Humor líquido», do humorista gráfico, pintor e caricaturista Xaquín Marín. Tamén a esa hora abrirá a feiriña e o espazo de xogos tradicionais, que terán actividades de 12 a 14 e de 16.30 a 19 horas.

Despois, ao longo da xornada, haberá espectáculos orientados a distintas idades. Para os bebés actuarán o cuarteto de trompetistas Catro Cores (12 e 12.45 horas) e Baobab Teatro (17.15 horas). Non faltarán os contos, que chegarán co colectivo da narración oral galega (NOGA). María da Pontragha lembrará os estribillos e contos das avoas (12.30 horas) e Cris de Caldas e Xabi do Camiño mesturarán narración oral e música (18.15 horas). Haberá moita máis música, a que poñerán Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos xunto á Banda das Apertas ás 13.15 cunha nova entrega de «A nena e o grilo camiño das cores». Non faltará un obradoiro de baile tradicional interactivo (16.45 e 18.15 horas).

O colofón chegará ás 19 horas co espectáculo «Orquestra de Malabares», no que se une o mundo do circo con seis malabaristas de Pistacatro e a música da Banda Municipal de Santiago