Ruxe Ruxe apela á música «sen maquillaxe» na estrea de «Xabral» este venres en Santiago

La Voz

SANTIAGO

.

A banda compostelá inicia con dous cheos nas Crechas mañá e sábado a súa xira «Pub Rock»

30 ene 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

Falar de «rock do país» é falar de nomes propios como o da banda compostelá Ruxe Ruxe, que comeza mañá a escribir un novo capítulo na súa dilatada traxectoria coa publicación do disco «Xabral» e cun concerto na Casa das Crechas para estrealo en directo. Non será o único. O sábado repiten cita no inicio da xira «Pub Rock», pero para os dous as entradas levan días esgotadas.

O escenario da estrea está moi meditado. «A nosa idea era facer con este disco presentacións por locais próximos ao pub e a taberna por unha razón conceptual e unha querenza ao que contamos nas propias cancións, dándolle un envoltorio íntimo», explica Vituco Neira, un dos fundadores desta banda nada en Aríns no 1996. A idea «é poñer en valor a parte orgánica da música; esa parte na que non son importantes as luces leds, as pantallas e toda a ‘parafernalia’ que hai arredor». Así, desde a banda entenden que «a música moitas veces non se trata co respecto que ao mellor se merece». Por iso, apunta Vituco Neira, desde Ruxe Ruxe «reivindicamos o contacto saudable e directo co público, desprovisto de maquillaxe e das cousas que non teñen que ver coas cancións nin con nós».

Non hai que esperar unha nova versión de Ruxe Ruxe en «Xabral», un disco gravado con Kaki Arkarazo nos estudos Gárate de Gipúzkoa. A banda, sempre preocupada por ofrecer un produto de calidade, mantense fiel ao seu estilo e a unhas letras nas que a vida cotiá, o amor e a amizade conviven por momentos co realismo máxico. Vituco Neira teno claro: «Cada vez somos mellor grupo, compoñemos mellor e arranxamos mellor as cancións. Fomos aprendendo e é un disco que está moi ben». Trátase de trece temas, un deles en inglés. Precisamente o músico Brian Brody paticipará nos concertos con eles na Casa das Crechas despois de colaboracións durante unha recente xira por Irlanda. Ruxe Ruxe xa ten ganas deste primeiro cara a cara co público co novo traballo.