O Festival Rosalía amplíase a tres días e estende a súa actividade por Santiago e Padrón

La Voz

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

A cita incluirá música, poesía, teatro e animación de rúa desde o 21 ao 23 deste mes

07 feb 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

Baixo o lema «Sen pombas nin flores», o Festival Rosalía celebrará a súa sétima edición do 21 ao 23 deste mes. A cita non só se incrementa nunha xornada, senón que tamén estende o seu territorio, posto que ás actividades que se desenvolverán en Santiago coincidindo co aniversario do nacemento da autora de «Follas Novas», engadiráselle unha visita á Casa Rosalía o venres pola tarde con percorrido guiado polo presidente da entidade, Anxo Angueira. Esta actividade é gratuíta pero é preciso incribirse previamente. O bus sairá ás 16.30 horas da dársena Xoán XXIII e ás 17 horas comezará a visita guiada.

O sábado 22 e o domingo 23 o epicentro estará na praza de Mazarelos, pero tamén se estenderá con actuacións ao Teatro Principal e ao Colexio Maior de Santo Agostiño, este último un espazo ligado tamén á autora homenaxeada, xa que foi antiga sede do Liceo onde estivo Rosalía. As actividades comezarán ás 11 horas coa apertura da feira en Mazarelos coa participación de sete postos. Estará aberta ata as 14.30 horas e despois pola tarde de 16.30 a 20 horas. Ás 11.30 horas, Os Quinquilláns iniciarán o pasarrúas rosaliano, unha ruta teatralizada que percorrerá a cidade. Ás 12 horas, xa en Mazarelos, tomará o relevo un obradoiro de regueifa coa participación de Manolo Maseda e Séchu Sende. O peche da mañá será cunha sesión vermú co Coro Encaixe ás 13.45 horas. Xa pola tarde, ás 17 horas, será a quenda de Somos pandereiteiras, un proxecto impulsado por Mercedes Peón e que conta coa participación de Raigañas de Cerqueda (Malpica), Xirifeiras (Fene) e a Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón). Ás 18.30 horas, será tempo dun recital poético con Anxo Angueira, Nuria Vil e Andrea Nunes. Esta xornada pecharase ás 20 horas no Teatro Principal cun concerto de Tres Pesos, integrada por Felisa Segade, Xoán Porto e Xosé Antón Ferreira.

O domingo 23, coincidindo coa data do nacemento de Rosalía, a feira abrirá as portas ás 13.30 horas para non solaparse coa manifestación de Queremos Galego. Clo Plas ofrecerá unha sesión vermú na que se mesturan oralidade da montaña de Lugo coa música experimental. Xa pola tarde, ás 16 horas, celebrarase un xogo para toda a familia en torno á figura de Rosalía. Despois, ás 17 horas, Rosa Fernández, Lara Dopazo e Iván Torres fusionarán música, videocreación e poesía.

Xa na recta final, o Colexio Maior de Santo Agostiño acollerá o espectáculo «A primavera vai chegar», coa participación de Faia Díaz, Paula Romero e Inés Salvado (16 e 17.15 horas). O peche das actividades será no Teatro Principal (18.30 horas) coa obra de teatro para o público familiar protagonizada por Rocío González e Cris Collazo.

O festival, impulsado pola Deputación da Coruña e que conta coa colaboración do Concello, foi presentado onte pola alcaldesa, Goretti Sanmartín; a deputada provincial de Lingua, Soledad Agra; e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira. A rexedora resaltou este festival como «un orgullo para Compostela e para o país», lembrando que se busca ofrecer unha imaxe de Rosalía lonxe dos estereotipos. Pola súa banda, Soledad Agra apuntou que esta iniciativa tamén trata de «visibilizar os grandes talentos do noso país». Pola súa banda, Angueira incidiu en que a autora «nos move» na actualidade.