
As entradas para poder gozar da proposta inmersiva xa se encontran á venda
13 feb 2025 . Actualizado a las 04:55 h.A experiencia sensorial inmersiva «Orixes» abrirá o calendario expositivo do Museo Gaiás deste ano a partir do día 28. Con ela, os visitantes poderán atravesará catro mil millóns de anos de evolución do planeta Terra, partindo desde que era unha inhabitable bóla incandescente pasando pola extinción dos dinosaurios, a explosión da vida nos océanos e a aparición dos grandes bosques terrestres ata chegar a actualidade reflexionando sobre o impacto da humanidade nos ecosistemas e na necesidade dunha maior conciencia ambiental.
Esta mostra segue a senda aberta por «Hábitats», que esgotara o ano pasado todas as prazas dispoñibles para visitala. Nesta ocasión, haberá ata o 26 de outubro para gozar dela. Desde a Cidade da Cultura abriron o prazo para poder mercar as entradas, que tanto se poden adquirir no propio Museo Gaiás como a través de Ataquilla cun prezo de 5 euros (máis gastos de xestión). A experiencia virtual é accesible a partir dos oito anos de idade. Iso si, os menores de doce deben realizala co acompañamento e vixilancia dunha persoa adulta reponsable, que deberá adquirir tamén unha entrada.
A instalación estará aberta de martes a domingo e poderá visitarse en horario de mañá (entre as 10.15 e as 14.15 horas) e de tarde (entre as 15.30 horas e as 19.30 horas), cunha duración de 45 minutos cada unha das sesións. A partir do 11 de marzo, están programadas quendas de visita exclusivamente para saídas didácticas dos centros escolares, de martes a venres lectivos en horario de mañá, para grupos a partir de cuarto de Educación Primaria.
Deste xeito, esta proposta virtual unirase a «Tattoo. Arte baixo a pel», que pode visitarse ata o 20 de abril.