O entroido estala co Meco e con desfiles

La Voz

SANTIAGO

PACO RODRÍGUEZ

Santiago da a benvida con pregón de Xeneralas e os disfraces encherán de cor Negreira, Rois, Oroso e Val do Dubra

01 mar 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

Aínda que xa andivo asomando a pata desde días atrás, será hoxe cando comece oficialmente o reinado do Meco con toda a troula, disfraces e concursos que trae da man. En Santiago, subirá ao trono no pazo de Bendaña esta noite. Neste caso é un Meco enganchado ás redes sociais e a medio camiño entre Trump e Musk. Iniciará o seu percorrido ás 20 horas na praza de Cervantes e achegarase ata o Toural acompañado polos Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño, Os Armatroulas de Laraño e a charanga Chafalleiros. Precisamente, aquí ofrecerán o pregón as xeneralas da Ulla Lucía Domínguez e Alba Dosantos. Antes, de 18.30 a 20 horas, A.F. Colexiata de Sar encargarase de bailar o entroido polo casco histórico.

Non será a única cita en Compostela. En Aríns, as tropas dos Xenerais da Ulla despregaranse desde as 11.30 horas para percorrer toda a parroquia. Ás 19.30 horas, terá lugar o atranque no campo da festa. A festa estará amenizada pola charanga Os Atrevidos. Unha vez rematado o atranque, a música continuará co grupo Alaska.

Pola súa banda, o CSC de Santa Marta acollerá de 18 a 20 horas un gran feirón con xogos e merenda compartida, mentres que o centro comercial As Cancelas contará cos Atrevidos para animar a sesión vermú e, pola tarde, haberá actuacións de bailes antes de acoller, ás 19 horas, un concurso de disfraces.

Pero hai máis festa. Negreira volverá a ser punto de referencia para disfrazarse cun desfile polas rúas a partir das 17 horas no que se repartirán 5.000 euros en premios. No pavillón do Coto, o grupo Atenas e un picadiscos acompañarán a festa. Oroso tamén celebra hoxe concurso de disfraces, ao igual que Val do Dubra, onde a partir das 17 horas comezarán o seu percorrido desde o campo da feira ata o Concello. Irán acompañados pola charanga Os Celtas. O espírito festivo do entroido estenderase a partir das 17 horas por Boimorto, con festa e concurso de disfraces no polideportivo municipal. Algo máis madrugadores serán en Rois, onde o desfile comezará ás 16 horas diante de Concello para achegarse ao pavillón municipal, onde se entregarán os premios e haberá degustación de larpeiradas.

Ames apúntase hoxe ao entroido cunha festa na praza da Maía en Bertamiráns desde as 17 horas. Contará cunha exhibición de baile a cargo do Club deportivo de baile Danzaya xunto coa actuación musical de Dani Barreiro & Friends. Pola súa banda, Suso Boente abrirá os festexos en Melide cunha actuación no centro social ás 17.30 horas. Despois, desde as 19 horas, haberá pasarrúas de entroido acompañado polo folión grileiro. Trazo pon deporte á xornada festiva coa Carreira do Entroido desde ás 17.15 horas.

Pola súa banda, en Teo, os protagonistas serán os Xenerais da Ulla, que percorrerán Cacheiras e Santa María.