María Rozas, tenente de alcalde en Raxoi: «O principal reto é o novo contrato de transporte»

J. C. SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

SANDRA ALONSO

A portavoz de Compostela Aberta cre que este é o mandato do social e reivindica o traballo iniciado pola súa formación hai dez anos

31 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

María Rozas (Santiago, 1981), concelleira de Servizos Sociais e tenente de alcalde, chegou a Raxoi hai dez anos da man de Compostela Aberta (CA), formación que pasou por diferentes roles, no goberno e fóra del, mais sempre con capacidade de decisión nas políticas locais.

—Valore a pegada de Compostela Aberta nesta década.

—A pegada é innegable. Vémolo en cuestións coma a da taxa turística. Hoxe é unha realidade porque hai dez anos CA tivo a valentía de abrir o debate. O tempo danos a razón. O mesmo que aconteceu coa regulación dos pisos turísticos. CA iniciou o camiño, ao que, felizmente, despois se sumaron outros. Hai máis: se temos unha nova depuradora é porque o noso goberno asinou o convenio para a súa construción. E se temos intermodal é tamén porque o goberno de CA asinou o convenio despois de anos de espera. Fixemos de Santiago un concello pioneiro coa aprobación da ordenanza de Garantía Básica, e foi o noso executivo o que lle deu un enorme empurrón orzamentario a prestacións como as bolsas de comedor e ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF). E poderiamos falar aínda doutras moitas cuestións: a participación, a recuperación de espazos naturais como o Banquete de Conxo ou o Berce do Sar…

O bipartito (BNG-CA) só ten 8 votos asegurados de 25. Como afecta isto ao desenvolvemento do seu programa?

—En Santiago, a maioría das decisións que lle afectan á veciñanza son competencia da Xunta de Goberno. Aínda así, temos demostrado a nosa capacidade de chegar a acordos, e seguirémolo facendo. Os acordos requiren vontade por dúas partes, que agardamos que se manteña nunha corporación que debe ser responsable polo ben da veciñanza.

Están satisfeitos coa convivencia co BNG?

—Traballamos por unha boa convivencia. Hai diferenzas, é o lóxico porque somos dúas organizacións distintas e tamén temos que procurar os consensos. Se puxeramos o foco nos desacordos, talvez teriamos maior visibilidade ou cando menos máis presenza mediática. Pero CA non funciona nesa clave. Sabemos das dificultades de ser o partido con menor representación nunha coalición, pero cremos no traballo do día a día que é o que finalmente percibe a xente.

Destaque os logros destes dous últimos anos.

—Este é o mandato do social. Os avances nesta materia, que é responsabilidade de xestión de CA, son moi importantes: temos un mellor SAF, máis bolsas para a poboación escolar; máis atención á conciliación e políticas para a xuventude, un concello máis solidario e comprometido coa cooperación ao desenvolvemento… No global, estamos avanzando en cuestións moi importantes para CA, como a regulación das vivendas turísticas ou as políticas de vivenda.

E os retos que quedan?

—O principal é o do novo contrato de transporte. É unha licitación moi complexa, como se evidenciou no pasado mandato. Estou segura de que será neste. Tamén a apertura do Centro de Persoas sen Fogar e da Casa dos Maiores, ou a recuperación dos aparcamentos das prazas de Galicia e de Vigo para desenvolver políticas públicas de mobilidade. Temos moitos retos, porque temos o compromiso de seguir mellorando Compostela.