Manuel Ángel Leis, alcalde de Negreira: «Este ano queremos presentar o borrador do novo Plan Xeral»
SANTIAGO

O rexedor de Negreira afronta o seu segundo mandato, no que aposta pola humanización de espazos
10 jul 2025 . Actualizado a las 18:17 h.Manuel Ángel Leis acumula unha dilatada traxectoria na política local, como concelleiro socialista desde o 2007, sendo este o seu segundo mandato como rexedor polo PSOE. Unha das principais preocupacións é actualizar as ordenanzas fiscais como a da recollida e tratamento dos residuos que levan desde 2003 sen actualizarse ou a execución de proxectos de humanización e mellora das comunicación internas. Outra aposta é por seguir ofrecendo servizos de conciliación ás familias.
—Que balance fai do mandato?
—Cremos que é positivo en canto a xestión municipal. Por un lado, as demandas que máis preocupan aos veciños son as obras e os servizos básicos como a atención que prestamos aos maiores e os servizos de conciliación para a rapazada. Loxicamente, hai cousas que imos ter que seguir mellorando porque cada ano te atopas con novas circunstancias que obrigan a ir modificando cousas.
—Cales son as prioridades?
—Axilizar a tramitación e dar a coñecer un primeiro borrador do Plan Xeral de Ordenación Municipal porque nas xuntanzas coa veciñanza é un dos temas que máis lles preocupan, desbloquear as situacións de cara á futura ordenación do noso territorio despois de tantos anos con este plan en vigor. Atender as preocupacións que xorden en cada recuncho do concello é primordial para o noso goberno. Logo, debemos facer un esforzo importante de cara á segunda metade do mandato en obras e proxectos.
—Cal é a situación económica do concello?
—Actualmente é estable. Non temos endebedamento. Unha das máximas preocupacións é que debemos afrontar melloras e cambios nas ordenanzas fiscais. Unha delas é a do recibo do lixo, que xa viñemos informando aos veciños que hai que actualizala, porque é do 2003, e a lei do ano 2022 de xestión de residuos obríganos a todos os concellos a que eses servizos non sexan deficitarios. Tamén está a implantación do contedor marrón, que é algo que estamos mirando nos sitios nos que sexa necesario, como é a zona urbana e evitar implantalo na zona rural onde para nós non ten moito sentido. En definitiva, imos ter que actualizar as tarifas deste servizo e doutros porque os orzamentos municipais teñen que seguir medrando para dar servizos aos nosos veciños e veciñas.
—Sopesan externalizalo?
—É unha posibilidade que se estivo barallando nas reunións co Concello da Baña porque a recollida é un servizo mancomunado. O motivo é a complexidade que vai ter implantar outro contedor máis como é o caso do marrón porque nós non podemos prestar ese servizo, xa que nin temos persoal nin medios. E que economicamente vai ter un custo elevado para as arcas municipais. A casuística da Baña é distinta a Negreira, porque é moito máis rural e creo que van prescindir de instalar o contedor marrón, pero nós imos ter que incorporar recollida externalizando ese servizo. Entón, si falamos de facer unha auditoría para ver unha xestión conxunta de todas as recollidas coma a orgánica, o plástico, o vidro, cartón, obxectos... A idea sería facer un estudo económico-financieiro e outro de viabilidade auditando cada un deses servizos para saber o custo que ten para cada concello e vendo a posibilidade de facer unha externalización conxunta a través da Mancomunidade de Concellos do Tambre.
—Falemos de proxectos en curso. Cales son as prioridades?
—Estamos a piques de sacar a licitación os proxectos do Plan de Obras e Servizos (POS 2024), entre eles está a humanización da rúa do Carme, un proxecto moi ambicioso e que marcará un antes e un despois. E a humanización da rúa Rosalía de Castro, que queremos que se execute antes de que comece o curso escolar porque é unha obra bastante complexa na que hai que levantar toda a rúa e renovar todas as tubaxes de servizos de saneamento e abastecemento, e non queremos meternos no inverno.
—Unha obra agardada é o aglomerado de Portor. Como está este proxecto?
—Estamos a piques de asinar o contrato para esta obra no principal acceso á parroquia de Portor dende a estrada AC-447 e temos un bombeo en A Abeanca xa aprobado para facer este verán. Tamén temos a humanización do acceso á igrexa parroquial de Negreira que coincide co tramo principal do Camiño de Fisterra, e despois outras obras como asfaltados na Arieira, na Chancela, ou en Cobas. E hai unha subvención nominativa que acabamos de conseguir da Deputación do 80 % para realizar o aglomerado en Pesadoira dende a DP 5604 ata o límite con Mazaricos.