
A celebración recupera o derbi asnal desta tarde (á marxe do Concello) e mantén a esencia da romaría de mañá, coa procesión do santo, moita música folclórica e sardiñada gratuíta
24 jul 2025 . Actualizado a las 14:43 h.Padrón está de festa, a máis entrañable e especial para moitos por celebrarse en época de vacacións, o que da pe a xuntarse as familias, e pola tradicional romaría no monte de mañá, día do Santiaguiño na capital do Sar. Se na celebración grande da Pascua a tradición marca o programa, na do 25 de xullo pasa algo similar, sobre todo no cartel de actividades do monte. O programa, organizado polo Concello, arrancou a pasada fin de semana co festival Ultreia, que contou cunha mestizaxe musical.
Hoxe volve o derbi asnal, organizado fóra de cartel pola Asociación do Burro Fariñeiro (Abufa) e que, sen dúbida, é un dos atractivos que máis xente move na véspera do día do Santiaguiño, guste máis ou menos e pese a quen lle pese. Pola contra, este ano non haberá o festival Asnot.
Esta tarde, ademais, o Concello ten preparada unha festa no Campo do Souto, para que os máis pequenos poidan vivir o seu particular Santiaguiño. Hoxe, a animación durará ata a madrugada cun monólogo de Pepe Suevos e coa actuación do grupo padronés UYF’75, da banda Somoza Trío e do pinchadiscos Bruno Deejay. Mañá, día grande, o día arranca coa tradicional procesión do santo dende a igrexa parroquial ata o monte, onde se celebrará a misa grande na ermida.
Durante todo o día haberá animación musical a cargo dos grupos folclóricos O’Pedrón, Rosalía de Castro, San Pedro de Carcacía, A Arreixeira e Xoldra. No monte, o protagonismo tamén é para a sardiñada que organiza o Concello, que reparte de xeito gratuíto un total de 300 quilogramos deste peixe; 200 de pan de millo e 1.200 bolos preñados, para que os asistentes poidan comer no monte e pasar alí a tarde.
Entre eles, haberá moitas familias e grupos de amigos e compañeiros, que subirán a súa propia comida e bebida e que cumprirán coa tradición de pasar o día no monte, facendo grande así a romaría. Para os máis pequenos, a partir das catro e media da tarde haberá unha festa infantil, con inchables e espuma. A celebración no monte rematará coa baixada en procesión da imaxe do Santiago Apóstolo, que cada ano é seguida por máis romeiros.
Para facilitar a subida e baixada do monte, o Concello ten contratado un servizo de transporte adaptado, que funcionará durante todo o día. As festas do Santiaguiño rematan o sábado coa recepción no Paseo do Espolón a tódalas persoas participantes na actividade organizada pola Fundación Rosalía de Castro que leva por título Inchadiña Branca Vela e que é unha homenaxe da xente do mar á escritora.