Xosé A. Touriñán, humorista: «Custa despedirse de 'Somos criminais' porque foi moi divertido»
SANTIAGO

O humorista e Carlos Blanco inician con funcións hoxe e mañá en Santiago a derradeira xira do espectáculo
12 sep 2025 . Actualizado a las 04:55 h.Hoxe e mañá • 20.30 horas • Auditorio de Galicia • Desde 16,20 euros • Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán volven a traer a Santiago «Somos Criminais e punto final». Deste xeito, inician a derradeira xira co espectáculo que pecha a triloxía coa que acadaron máis de 100.000 espectadores desde o 2018, resaltan. Tras Santiago, estarán en Narón (27 de setembro), Vigo (4 e 5 de outubro), Vilagarcía (25 de outubro) e despedirán o formato en A Coruña (1 de novembro)
—Custa moito despedirse despois de sete anos do proxecto?
—Custa despedirse porque foi moi divertido. É difícil volver a atopar un fío como o que tirabamos, que é algo moi noso, xa que son tópicos, xeitos e maneiras de como somos, como deixamos de ser, como chegamos a ser criminais... Entón, custa despedirse porque foi moi divertido, pero tamén está moi ben ser capaces de construír tres espectáculos con Carlos [Blanco] e con todo o equipo; é para estar orgullosos e satisfeitos. Tamén está o que nos devolve o público, a súa xenerosidade, creo que polo ben que o pasan. É unha fantasía encher os teatro. En Santiago, xa o presentamos e agora volvemos con dúas novas funcións.
—Cando no 2018 empezaron «Somos criminais», agardaban esta resposta do público?
—O que foi non o esperabamos (ri). Creo que foi moito máis do que nós contabamos. Somos dous actores que temos o noso público e que nos ía ben, pero o de «Somos criminais» foi criminal. Creo que se bateron récords de entradas vendidas de teatro en galego. É unha alegría, unha felicidade. Ademais, poder dicir que vivimos disto facendo espectáculos en galego, sen depender doutras cousas, é un orgullo. É unha pequena que non lle pase a máis xente.
—Non hai posibilidade dunha cuarta parte?
—Creo que non. Falámolo e creo que é claro que este ten que ser o final da triloxía de «Somos criminais». Que podemos traballar Carlos e eu máis veces? Sempre que queira Carlos...; é un gusto traballar con el. No medio de «Somos criminais» tamén fixeramos un espectáculo de teatro, «Unha noite na praia». Estou seguro que non vai ser a última vez de traballar con Carlos, claro que non; pero si creo que vai ser o último «Somos criminais». Está moi ben que remate así.
—O espectáculo fala de como somos, considera que esa foi a clave para enganchar ao público? Iso de que non somos tan bos, nin tan malos...
—Nós o que facemos é entreter, facer comedia. Ese é o obxectivo principal que a xente se divirta durante todo o espectáculo baseándonos nas cousas boas, nas malas, nos tópicos de sempre, nas cousas nas que somos «criminais» nos dous sentidos da palabra, para ben e para mal. Xogando con todo iso, hai que sacar peito do bo e do malo. Fomos quen de construír os espectáculos falando de nós, do noso, de como somos. Tamén xogamos agora coa morriña, dicindo que é o último espectáculo, xogando que nun momento acabará todo, aludindo ao que acontece cerca pero tamén a nivel mundial, xa que como non coidemos o que temos hai que ir nun foguete a outro planeta.
—Destes tres espectáculos, que é o que se leva?
—A Carlos, de entrada. É o que é imprescindible nesta viaxe. Levaría os momentos de risa e todo o que aprendín con el no escenario. Só velo traballar ou escoitalo cando estamos no camerino, ceando, comendo... Hai mil anécdotas que nos pasaron marabillosas, pero levaríame o doado que foi traballar con el, todo o que aprendín. Creo que hoxe son mellor enriba dun escenario grazas a Carlos, seguro.
—Despois disto, cales son os plans de Touriñán?
—Pois, darémoslle unha nova volta a «Corentena», con David Perdomo contra final de ano e o inicio do seguinte. Tamén estou traballando nun novo espectáculo meu, nun monólogo, porque levo anos dándolle voltas a «Aquí Tou!». Parece que imos pechalo, pero aparecen novos lugares a onde levalo. Ademais, vou ir a distintos puntos de España —algo que nunca fixera— a facer o meu monólogo en castelán. A idea é en febreiro-marzo estrear o novo espectáculo eu só.