José Antonio Pereira, alcalde da Baña: «Ampliar saneamentos e abastecementos é clave para que a xente veña vivir á Baña»

A BAÑA

O rexedor socialista espera sacar adiante o polígono industrial de Eiroa e atraer así poboación a un concello que ofrece «calidade de vida»
22 may 2025 . Actualizado a las 05:05 h.O socialista José Antonio Pereira (A Baña, 1974) recuperou no 2023 co apoio do BNG a alcaldía bañesa da que o expulsara no mandato anterior unha moción de censura entre PP e CxG. É tempo de facer balance dunha xestión con máis por facer do que se leva feito.
—Ao pouco de acceder á alcaldía falaba dunha débeda municipal de 1,58 millóns. Como está hoxe a saúde financieira do Concello?
—A principios deste ano aprobamos un expediente extraxudicial duns 400.000 euros, pero podemos dicir que despois do sacrificio que fixemos o primeiro ano agora temos estables as arcas municipais. Arrastramos certo retraso no período medio de pago, por problemas puntuais, pero a situación precaria de cando entramos na alcaldía está medianamente superada, con menos de 400.000 euros de débeda.
—Que supuxo a débeda para a súa acción de goberno?
—Condiciounos de maneira directa. Eramos concelleiros, viamos un gasto desmesurado e sabiamos que había débeda, pero non tanta. No primeiro ano non puidemos facer nada do noso programa electoral, só algunhas reparacións e algunha cousiña, pero fixemos unha política de contención económica para intentar que non interviñeran o Concello e ir pagando o pendente. Non fixemos nin Festa dos Maiores nin outras celebracións populares; si garantimos actividades de conciliación, extraescolares e todos os servizos para os nosos maiores, pero eliminamos todos os gastos superfluos.
—Que proxectos destacaría deste bienio?
—Entre as licitacións en marcha e obras aprobadas o ano pasado co POS e outras axudas, pero que quedaron para facer neste ano, remataremos 2025 con máis de 1,2 millóns executados, case todos neste segundo ano. Antes de rematar o exercizo teremos feita a ampliación do Punto de Atención á Infancia (PAI) en 11 prazas máis. Tamén está en licitación o abastecemento de auga ao Barro, e tamén o levaremos a Nantón, en San Mamede do Monte; faremos melloras de saneamento en San Vicenzo (en Liñares, San Salvador e Vilarnovo). Son dous servizos fundamentais, que apostamos por ampliar porque son claves para que a xente veña vivir á Baña, xunto con outros de conciliación como o do PAI. Con eses recursos seríamos un concello atractivo para vivir, cunha situación privilexiada a 19 minutos de Santiago, con terreos económicos onde poder facer unha casa, con espazo para un horto. Calidade de vida.
—Como vai o polígono industrial?
—Estamos traballando con Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), moi ben encamiñados. Vaise propor a súa urbanización no 2026. Se haberá demanda? Tivemos unha reunión no concello a primeiros de ano, con oito empresas interesadas. Agora non hai solo industrial en Santa Comba nin Negreira, o máis avanzado para desenvolver é o da Baña. Así que si hai demanda. Queremos urbanizar unha primeira fase de 100.000 cadrados en Eiroa, que son xa todos de propiedade municipal: non hai nada que expropiar, temos depuradora xusto ao lado, e a liña de alta tensión chega alí. SEA viuno moi viable. Queremos que o polígono sexa o pulmón económico do concello, que hoxe é moi rural, e precisamos ese solo para que se establezan aquí empresas, que traerán xente a vivir á Baña.
—Despois da polémica pola supresión do entroido e do voto condicionado do BNG aos orzamentos, como vai o bipartito?
—Pódese dicir que levamos unha boa relación. Evidentemente temos maneiras de pensar distintas, senón seriamos un único partido, e é certo que chocamos en cousas. Os orzamentos estaban falados e pactados, e nese momento entendo que o Bloque ten que facer a súa política de deixarse ver: condicionounos a rebaixar un pouco as inversións para facer pago a provedores, tomouse a decisión, fíxose e non houbo ningún problema. Co entroido? Cogobernamos e cada un ten as súas áreas moi marcadas e é responsable delas. É certo que eu son o alcalde e xestiono o 100 %, pero para chegar a un pacto de goberno cada un xestiona as súas áreas. O BNG decidiu non facer o entroido e a xente comentábame na rúa que o fixera eu, que son alcalde. Pero eu non podo retirar as competencias a quen cogoberna con nós e facelo, e xurdiu esa pequena polémica. Pero son cuestións puntuais e se se revisan as actas plenarias nestes dous anos aprobamos todos os puntos por maioría, con acordo, incluso co apoio do PP na maior parte dos casos. Está sendo un mandato tranquilo, o que nos permite aprobar e facer cousas, que é o que realmente interesa para os veciños.
—A denuncia pola desaparición dos móbiles está afectando á política municipal?
—Non. Unha cousa non leva a outra. Eu como alcalde véxome obrigado, unha vez se detecta a falta dos móbiles por valor de máis de 4.000 euros e de solicitar no pleno sen éxito que se devolveran, a dar parte á Garda Civil. Agora farase xuízo oral e a xustiza determinará. O anterior alcalde terá que facer fronte a iso, e o que diga a xustiza estará ben dito.